Publicador de contidos
Publicador de contidos

Yolanda Díaz renuncia á dirección de Sumar tras os resultados das eleccións europeas

Yolanda Díaz renuncia á dirección de Sumar tras os resultados das eleccións europeas

"A cidadanía falou, e eu vou facerme cargo", asegurou Díaz, quen cre que debe haber un debate no seo da formación e das organizacións que forman parte da coalición

A fragmentación do voto da esquerda pasa factura a Sumar

A formacion elixirá novo líder en dúas semanas

G24.gal 10/06/2024 15:19 Última actualización 10/06/2024 18:50

A vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, anunciou este luns a súa renuncia como líder de Sumar tras os resultados electorais que sufriu a formación tras as eleccións europeas deste domingo.

Así o manifestou tras a reunión da Executiva de Sumar, que se prolongou durante máis de tres horas.

"É sempre a nosa responsabilidade e neste caso, e sen dúbida ningunha, é a miña responsabilidade. A cidadanía falou e eu vou facerme cargo, por ese motivo decidín deixar o meu cargo como coordinadora de Sumar", dixo Díaz nunha comparecencia na sede do partido, na que emprazou ás organizacións que forman a coalición para debater e abrir o camiño para a súa sucesión.

"Nestes meses sento que non fixen as cousas que debía facer e as cousas que mellor sei facer. A cidadanía sen dúbida percibiuno".

Afirmou na súa comparecencia que para as forzas de esquerda "non vale seguir á defensiva", nin "saír a empatar" nas eleccións nun contexto no que gaña terreo "a internacional do odio nas súas distintas expresións", en alusión aos partidos de ultradereita.

Apuntou Díaz que Sumar ten "moito que avanzar" para conseguir novamente resultados como os dos pasados comicios do 23J e insistiu en que ela é "a primeira" en asumir o actual escenario e en facerse cargo.

Desta forma, formaliza a súa dimisión como coordinadora xeral da formación.

O resultado nos comicios do 9X abriu unha forte crise na coalición de esquerdas, con varias voces críticas.

Dende Más Madrid, Eduardo Fernández Rubiño demandaba asumir responsabilidades na cúpula de Sumar.

E este luns, o líder de EU manifestou que "todo proxecto sen organización é efémero".

Elixirán novo líder en dúas semanas

O grupo coordinador de Sumar reunirase nunha ou dúas semanas para elixir o seu novo coordinador xeral 

Os 80 membros que integran o grupo coordinador decidirán ao substituto de Yolanda Díaz nunha votación por maioría simple.

Continúa no Goberno

Yolanda Díaz continúa no Goberno e como presidenta do grupo parlamentario no Congreso.

"A miña obrigación, por tanto, é garantir que o Goberno de coalición progresista converta ese mar de fondo cheo de odio e desafección nunha onda de dereitos e esperanza porque estou convencida de que este Goberno é a mellor ferramenta para mellorar a vida da xente", engadiu Díaz a continuación para deixar claro que seguirá no resto dos seus cargos.

Díaz tamén apuntou a que "a cidadanía non se equivoca cando vota e tampouco se equivoca se decide non ir votar" e puxo como exemplo unha abstención do 50%, algo que achacou novamente á responsabilidade dos políticos e, no seu caso, a ela mesma.

A ministra apuntou aos cinco retos nos que debe centrarse o Goberno de coalición contra a desafección política e "o oportunismo e cinismo" da dereita e ultradereita.

Regular os prezos da vivenda en propiedade e alugueiro, reducir a xornada laboral, unha reforma fiscal para que "paguen quen máis teñen", permisos retribuídos por fillos a cargo para loitar contra a pobreza infantil e acabar co xenocidio en Palestina, dixo Díaz. 

Críticas de Izquierda Unida e Más Madrid

 Yolanda Díaz vaise no medio de fortes críticas de Izquierda Unida e de Más Madrid, que quedaron fóra do Europarlamento e abren a porta á reconciliación con Podemos.

Desde a formación morada evitan pronunciarse e poñen en valor os dous eurodeputados conseguidos.

 "Os obxectivos están conseguidos, pero, obviamente, non nos conformamos. O noso obxectivo é transformar España", di a candidata de Podemos, Irene Montero.

A fragmentación pasoulle factura á esquerda máis alá do PSOE. En relación con 2019 perderon catro escanos en Europa.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar