Piden prisión permante revisable para o principal acusado do triplo asasinato de Chiloeches
A Fiscalía pide 5 anos de cadea para os outros dous acusados por seren cooperadores necesarios da morte dun matrimonio e da súa filla durante un roubo
Un xurado popular determinará a condena ou non de prisión permanente revisable para o suposto autor da matanza dunha familia en Chiloeches. Hoxe comezou na Audiencia Provincial de Guadalaxara o xuízo pola morte dun matrimonio e a súa filla de 22 anos que foron asaltados na súa casa en abril do ano pasado.
O exnoivo da rapaza, da que tiña unha orde de afastamento, supostamente informou uns amigos de que a familia tiña xoias e unha colección de reloxos, e organizaron un roubo que rematou en traxedia. Tamén está sentado no banco en calidade de cooperador necesario.
O principal acusado entrou pola noite no chalé, armado cunha baioneta e un coitelo, e ao seren descuberto polos propietarios, matou o pai con 29 coiteladas e a nai con catorce. A filla recibiu outras 7 cando tentaba fuxir, e só se salvou o seu irmán xemelgo, que se atrincheirou no seu cuarto. Antes de marchar, os asaltantes prenderon lume na casa co rapaz dentro, que puido saír e pedir auxilio.
O autor material do crime afronta unha condena de prisión permanente revisable, amais doutros 5 anos por roubo con violencia en casa habitada e uso de arma, e outros 3 polo incendio na vivenda. Para os outros dous acusados a fiscalía pide tamén 5 anos por seren cooperadores necesarios nese roubo.