Víctor Ábalos di que Cerdán lle ofreceu a seu pai "un cheque en branco en nome do presidente"
O fillo do exministro concede unha entrevista ao xornal El Mundo
O PP pide a comparecencia de Víctor Ábalos na comisión de investigación do caso Koldo no Senado
Santos Cerdán asegura que dará explicacións "ao seu debido tempo"
Este luns o exministro de Transportes, José Luis Ábalos, recibiu a visita do seu avogado no cárcere de Soto del Real. Luis Chabaneix aseguroulle aos xornalistas que vía o seu cliente "moi forte" e "co ollo de tigre disposto a defenderse". Faino a través das redes sociais e tamén por boca do seu fillo.
Víctor Ábalos conta hoxe nunha entrevista publicada polo xornal El Mundo que Santos Cerdán lle ofreceu a seu pai "un cheque en branco en nome do presidente", a cambio do seu silencio. Implica dúas compañeiras do PSOE na caída do exministro de Transportes: Adriana Lastra e Margarita Robles. As protagonistas e o propio partido négano.
"Non imos deixarnos chantaxear por ninguén, tolerancia cero, transparencia total, non imos perder un minuto máis desmentindo falsidades", insistiu en conferencia de prensa Montse Mínguez, voceira do PSOE.
"A cama da súa casa está quente das veces que quedou Sánchez a durmir", di o fillo de Ábalos nesa entrevista. Eran íntimos, pero ao socio da coalición, Sumar, abóndalle coas explicacións dadas polo presidente do Goberno.
Pola contra, o PP pide máis datos. Chama a Santos Cerdán a comparecer o 17 de decembro na comisión de investigación do caso Koldo no Senado. Tamén pediu a comparecencia do fillo do exministro, Víctor Ábalos, e de Antonio Hernando.
Para Miguel Tellado, secretario xeral do PP, "o sanchismo empeza a cantar, desde fóra e desde dentro do cárcere, e o PP vai subir o volume para que toda España escoite a traviata sanchista".