Publicador de contidos

Publicador de contidos

Vázquez Taín: "Hai que facer unha lei que regule supostos como excepcións á de protección de datos"

Vázquez Taín: "Hai que facer unha lei que regule supostos como excepcións á de protección de datos"

"Hai que deixarse de siglas e empezar a traballar cos técnicos, escoitando os especialistas para rematar coa violencia machista", di o xuíz Vázquez Taín

G24.gal 11/01/2023 10:53

O ano 2022 pechouse con 49 asasinatos machistas e o novo ano arrincou con outra repunta dos casos de violencia de xénero: en apenas unha semana confirmáronse tres mortes de mulleres a mans das súas parellas.

Desde o ano 2007, ano en que se puxo en marcha o Sistema de Seguimento Integral nos Casos de Violencia de Xénero, o VioGén informou de máis de 700.000 casos e avaliou o risco de máis de 633.000 vítimas para determinar a protección que necesitan.

Ante este problema que vai en aumento, o Goberno comezou a estudar novas medidas, entre elas a posibilidade de advertir as mulleres, no momento en que denuncien unha posible agresión, no caso de que a súa parella xa teña antecedentes relacionados con estes delitos.

Onte mesmo a Fiscalía rexeitaba esta a alerta xeneralizada e automática ás mulleres porque colidiría co dereito á protección de datos.

O xuíz José Antonio Vázquez Taín estivo esta mañá no Bos días para falar das posibles solucións a este problema. Segundo o maxistrado, "aínda se poden facer bastantes cousas".

"O que pasa é que por máis que o pedimos non nos escoitan. O primeiro é que se debería dispoñer de equipos psicosociais nos propios xulgados de violencia de xénero para que eses informes sobre risco os fixesen técnicos forenses especializados e non as propias forzas de seguridade do Estado. Así teriamos un informe rápido, áxil, que nos puidese alertar daqueles casos que realmente son graves, e neses casos graves tomar unhas medidas concretas".

"Hai que facer unha lei que regule determinados supostos como excepcións á de protección de datos"

O xuíz Vázquez Taín salienta a necesidade de facer unha lei que regule determinados supostos e as excepcións á lei de protección de datos, que é unha normativa europea. 

"Actualmente temos unha lei de protección de datos que ademais é unha normativa europea incorporada ao dereito español e que nos obriga a respectar a protección de datos, pero que non regula a excepcións. Poderíase facer unha nova lei onde se contemplaran determinados supostos como a pederastia, agresores sexuais reincidentes e continuados, ou violencia de xénero, para que se puidese avisar de que poden ser perigosas persoas da súa contorna. Se non temos lei, non se pode facer".

"Todas as forzas políticas deberan de poñer por riba o problema ás siglas"

Para poder poñer fin a esta eiva, o xuíz Taín considera que todas as forzas políticas "deberían sentar para facer unha lei de futuro".

"Penso que todas as forzas políticas deberían poñer por riba o problema, a eiva da violencia de xénero, por riba das súas siglas e sentar e facer unha lei de futuro, para sempre, sexa este Goberno ou sexa outro, que se poñan de acordo e que o fagan canto antes".

O xuíz dixo onte mesmo que as mulleres maltratadas están desprotexidas, que faltan medios nos xulgados. Esta mañá Vazquez Taín concretaba que onde "máis fan falta os medios é nos xulgados; non temos equipos psicosociais, non temos dispositivos electrónicos suficientes para xeolocalizar os agresores, non temos asesores psicolóxicos suficientes para acompañar as mulleres agredidas desde que chegan ao xulgado. Queda moito camiño por facer e que hai que facer canto antes".

"Hai que facer un seguimento técnico tanto da vítima como do agresor"

Salienta o xuíz Taín que hai un patrón que se repite: "Temos un patrón que é bastante frecuente: non só os agresores repiten agresións, as vítimas inician novas relacións tóxicas, posiblemente porque non teñen ese apoio suficiente para volver apoderarse como persoas libres".

"Non só ese seguimento debería estar regulado porque limita as liberdade das persoas, pero o que non podemos é facer o que se fai agora, que é que os agresores cumpran a pena e xa esquecernos deles, como nos casos de pederastia, de agresións sexuais, onde os técnicos nos din que é moi difícil a reinserción social".

Actualmente di o xuíz Taín que as denuncias seguen chegando, "pero temos un policía por cada 60 mulleres con protección, e iso imponnos seleccionar moito a quen protexer e como protexer, por iso fan falta máis medios porque os sistemas de protección están desbordados se non van acompañados de máis policías e de máis medios para as mulleres".

"Hai que deixarse de siglas e empezar a traballar cos técnicos, escoitando os especialistas"

Ao preguntarlle ao xuíz sobre se se está facendo un uso político do problema que é a violencia machista, Vázquez Taín di que non se atreve a dicir que "se estea facendo un uso político, pero non se seguen os principios da gran Concepción Arenal: odio o delito e compadezo o delincuente".

"Hai que centrarse no delito, no problema, e deixar de buscar solucións rápidas e de dicir que a culpa é do patriarcado ou os homes, isto non é cuestión de sexos, é culpa dunha sociedade que precisa dunha educación desde a base moito mellor, porque xa estamos vendo que xa estamos tendo moitos menores, nos xulgados de menores, que incorren en violencia de xénero moito máis que hai décadas; polo tanto, estamos ante un problema que está a incrementarse".

Mañá entra en vigor a reforma do Código Penal sobre o delito de malversación

Mañá vai entrar en vigor a reforma do Código Penal sobre o delito de malversación. Vázquez Taín fuxiu de dicir claramente que a reforma pode abrir un posible regueiro de peticións de revisión de condenas, e contestou:

"Ningún malversador era tan parvo como para metelo no seu peto. Facíalle chegar os cartos a aquelas persoas que estaban preto del e que o podían despois favorecer doutro xeito. Imos ver que ese non meter no seu peto era o suposto máis xeneralizado, pero iso non significaba que non se beneficiase".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade