Valverde non cre que as polémicas arbitrais condicionen o encontro co Celta
O técnico vasco é consciente de que Athletic e Celta son "equipos parecidos"
Ernesto Valverde advertiu da dificultade do partido porque, a pesar dos 14 puntos de distancia entre ambos na clasificación, é consciente de que Athletic e Celta son "equipos parecidos".
"Non están a acertar moito, pero é un equipo que chega ben arriba e con espazos é perigoso. Teñen ocasións, pero non as están convertendo e iso é o que máis lles está pesando. En liñas xerais vexo un equipo difícil de pasar, ben armado, con moi pouco espazo para que poidas xogar e perigoso", reflexionou sobre o Celta.
Doutra banda, non cre Valverde que as polémicas arbitrais que rodearon varios dos partidos do equipo vigués esta tempada vaian condicionar o encontro, porque: "Segundo vai pasando a tempada, todos os equipos pensamos que temos agravios na nosa contra".
"Está claro que no caso do Celta hai situacións máis rechamantes, sobre todo a última xogada co Sevilla, pero isto non ten nada que ver. É outro partido que temos que xogar e confiamos en que o árbitro o faga ben. Sen máis. Supoñemos que o que xogue mellor ten máis posibilidades de gañar, e tentaremos ser nós", explicou.