Leire Díez ofreceu un trato de favor da Fiscalía a cambio de información contra a UCO
O dixital El Confidencial publica novos audios de Leire Díez cun empresario investigado na Audiencia Nacional
Nas redes, Leire Díez presume da súa proximidade coa cúpula socialista, publicando fotos con Pedro Sánchez ou Begoña Gómez, entre outros. No PSOE din que é unha militante de base máis, sen ningún cargo no partido.
Patxi López, voceiro no Congreso admitiu este martes que a coñece, ao tempo que cualifica de "absolutamente rexeitable" o contido da última filtración publicadas por El Confidencial "se é verdade o que se escoita".
O que se escoita é unha reunión, que a propia Leire Díez confirmou, cun empresario investigado pola Audiencia Nacional. Na gravación escóitase como lle ofrece un pacto coa Fiscalía a cambio de información sensible capaz de desacreditar o tenente coronel Antonio Balas, xefe da UCO que investiga nos casos de Ábalos, de Begoña Gómez ou do irmán de Pedro Sánchez.
"Estou en Dubai agora", dille el, ao que Díez responde que "non pasa nada" porque "os fiscais tamén se moven, neste país viaxan, non hai ningún problema".
O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, saíu hoxe en defensa da profesionalidade da UCO, a quen lle ten "a máxima consideración".
Socios como Podemos piden explicacións. A súa líder, Ione Belarra, cre que estes audios demostran "que existen as cloacas do Estado en España".
Tamén no PP falan de cloacas, pero das do PSOE. Alberto Núñez Feijóo cre que "esta señora cobraba un soldo público para traballar nas cloacas do PSOE". O partido estuda emprender accións legais contra o que considera "mafia pura practicada na sede dun partido político".
Os populares van pedir a comparecencia de Leire Díez na comisión de investigación do caso Koldo no Senado e tampouco descartan chamar a Pedro Sánchez.