Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un estudante fere tres persoas cun coitelo no inicio da selectividade en Tokyo

Un estudante fere tres persoas cun coitelo no inicio da selectividade en Tokyo

A Policía detivo o mozo, de 17 anos, no lugar dos feitos

G24.gal 15/01/2022 08:47

Tres persoas quedaron feridas, unha delas de gravidade, nun ataque con arma branca no campus principal da universidade de Tokyo, no distrito de Bunkyo, na primeira xornada da selectividade no país asiático, segundo informa a cadea pública NHK.

As tres vítimas foron trasladas ao hospital tras recibir cortes nas costas ao redor das 8:30 hora local (23:30 GMT do venres). As súas vidas non corren perigo, segundo fontes policiais, que detiveron un mozo de 17 anos polo ataque.

Dous dos feridos son estudantes de bacharelato, un mozo e unha moza de 18 anos, que ían presentarse aos exames de acceso á universidade. A terceira vítima é un home de 72 anos que se atopaba no recinto e que ten feridas graves.

Unhas 3.700 persoas están rexistradas para facer estas probas no centro tokiota, que seguiu adiante cos exames malia o suceso. Inscribíranse máis de 530.000 persoas de todo o país.

Estudante detido

A Policía detivo o sospeitoso do asalto, un estudante de Nagoya (centro) que non coñecía as vítimas, no lugar dos feitos.

De acordo coa axencia local de novas Kyodo, o detido supostamente declarou que pretendía "causar un incidente e morrer" porque non lle ía ben nos estudos.

Pouco antes do ataque, o mozo provocara un incendio nunha estación Todaimae do metro da capital, próxima ao campus, extinguido unha hora despois, segundo as pescudas policiais.

Outros incidentes

Este é o último dunha serie de incidentes recentes con arma branca no país asiático. A fin de semana pasada un home retivo durante varias horas o xerente dun restaurante a punta de coitelo. Neste caso, non houbo que lamentar feridos.

En novembro, un home caracterizado como o Joker, ou o Burlón, feriu 17 persoas tras acoitelar varias delas e prender lume dentro dun tren en Tokyo o día de Halloween. Inspirárase nun suceso ocorrido noutra liña ferroviaria da capital en agosto, no que un home feriu dez persoas noutro ataque con coitelo.

A mediados de outubro, acoitelaron dous homes na estación de Ueno nun aparente ataque aleatorio. Outras dúas persoas quedaron feridas despois de que un home esparexera ácido na cara dun antigo coñecido, tamén na capital.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade