Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un bombeiro queda ferido tras caerlle enriba o teito dun alpendre en Silleda

Un bombeiro queda ferido tras caerlle enriba o teito dun alpendre en Silleda

Os bombeiros do Deza acudiran na tarde deste martes a sufocar un incendio no lugar de Moimenta

G24.gal 22/05/2024 14:24

Contra as sete da tarde de onte, os bombeiros do Deza recibían unha chamada do 112 alertando dun incendio nun alpendre no lugar de Moimenta, na parroquia de Saídres, en Silleda. Ata o lugar desprazáronse tres bombeiros e dous camións cisterna. No interior había un buggie e unha gran cantidade de material combustible, o que dificultou os traballos de extinción.

Juan José Muñoz, xefe do parque de bombeiros das comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, asegura que "a extinción foi laboriosa porque no interior do alpendre había moita herba seca e cereais altamente inflamable". Dixo que tiveron que "sacar as pacas de palla e desfacelas para ir mollándoas pouco a pouco; un traballo que lles levou preto de catro horas e 12.000 litros de auga".

Durante os traballos de extinción, parte do tellado de fibrocemento acabou colapsando. Un bombeiro que estaba loitando contra as lapas no interior resultou ferido.

Juan José Muñoz conta que ao seu compañeiro "caeulle enriba un anaco de fibrocemento do teito" e que "malia ter o casco regulamentario tiña danadas as cervicais" polo que foi trasladado ao Hospital Clínico de Santiago de Compostela para realizarlle unhas probas. Afortunadamente o home recibía a alta hospitalaria unhas horas despois.

Ata o lugar tamén se desprazaron varios axentes da Policía Local e da Garda Civil. As primeiras hipóteses apuntan a un curtocircuíto como causa do lume.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade