Un ataque "masivo" con drons rusos en Kíiv deixa polo menos 14 persoas feridas
A ofensiva prodúcese logo de anunciaren Rusia que está lista para entregarlle a Ucraína a súa proposta de memorando de paz
Volodimir Zelenski confirma 250 ataques con drons nas últimas horas en varios puntos do país con vítimas mortais
Este venres comezou o troco de prisioneiros entre ambos os dous países de mil por mil acordado o 16 de maio en Istambul
Un ataque "masivo" con avións non tripulados e mísiles rusos feriu polo menos catorce persoas en Kíiv a madrugada deste sábado, segundo publicou o alcalde da capital ucraína, Vitali Klitschko, na súa conta de Telegram.
"Ata o momento hai oito vítimas coñecidas. Dúas delas foron hospitalizadas no distrito de Dnipro. Seis persoas máis recibiron asistencia médica no lugar, no distrito Sviatoshynskyi da capital", afirmou.
O rexedor sinalou que "a capital e a súa rexión están novamente baixo un ataque masivo do inimigo".
"Os sistemas de defensa aérea funcionan constantemente en Kiev e os seus arredores".
O presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, confirmou o ataque tras unha noite de bombardeos na que se rexistraron numerosos lumes e explosións que tamén causaron vítimas mortais no resto do país.
Segundo publicou Zelenski na súa conta da rede social Telegram, "parte dos mísiles rusos e os drons están a ser neutralizados" e os servizos de emerxencia están a traballar nos lugares atacados.
Máis de 250 ataques
O mandatario dixo que houbo un total de 250 ataques con drons, a maioría modelo Shahed, de fabricación iraniana, e 14 con mísiles balísticos contra as rexións de Odesa (sur), Járkov e Sumi (nordés), Vínnitsia (centro), Dnipró e Donetsk (este).
"Hai mortos. As miñas condolencias aos familiares e amigos", manifestou.
Tamén sinalou que "con cada bombardeo, o mundo dáse conta de que a razón de por que a guerra continúa está en Moscova".
Proposta de memorando
Esta nova ofensiva ocorre despois de que o Ministerio de Exteriores ruso anunciara que está listo para entregar a Ucraína a súa proposta de memorando para a sinatura dun tratado de paz entre ambos os dous países tras o inicio do troco de prisioneiros de mil por mil.
"En canto conclúa o intercambio de prisioneiros estaremos listos para entregar á parte ucraína o proxecto deste documento, cuxo traballo a parte rusa conclúe nestes momentos", afirmou o xefe da diplomacia rusa, Serguéi Lavrov, á prensa, citado por TASS.
Rusia e Ucraína intercambiaron este venres 290 persoas de cada bando, 120 delas civís, segundo informou o Ministerio de Defensa ruso nun comunicado, un proceso que continuará nos próximos días, segundo o acordado o 16 de maio en Istambul.
Entre o 20 e o 23 de maio, Ucraína lanzou o ataque máis masivo de drons desde o comezo da guerra contra territorio ruso, no que participaron 788 avións non tripulados.