Publicador de contidos

Publicador de contidos

Máis de 282.000 votos están pendentes de recoller nas oficinas de Correos

Máis de 282.000 votos están pendentes de recoller nas oficinas de Correos

Correos informou de que xa puxo ao dispor dos electores a totalidade das documentacións

O voto por correo nestas eleccións é un 80,45 % superior ao das eleccións xerais do 26 de xuño de 2016

G24.gal 19/07/2023 08:58

O prazo para enviar o voto por correo esgótase nas próximas horas. Este xoves 20 de xullo é o último día para que os electores que esperaron ata o de agora depositen o seu voto postal nas oficinas de Correos para as eleccións xerais do próximo domingo.

Máis de 282.000 persoas están pendentes de recoller o voto por correo para as eleccións do próximo domingo nas oficinas da empresa postal, ao non seren localizadas na súa casa cando o carteiro foi entregarlles a documentación ata en dúas ocasións, mentres que 2.342.430 documentacións foron entregadas en man aos electores.

Correos informou nun comunicado que "xa se puxo ao dispor dos electores o 100 % da documentación electoral remitida ás persoas que solicitaron o voto por correo"; en concreto, pedírono 2.622.808 persoas e ata este martes entregáronse en man 2.342.430 documentacións electorais.

A empresa fai un chamamento á cidadanía para que acuda canto antes ás súas oficinas para recoller a documentación electoral. No mesmo momento pódese recoller a documentación e emitir o voto.

O prazo para depositar o voto finaliza o xoves 20 de xullo e pódese consultar o horario ampliado de cada oficina na web www.correos.es.

Para a xornada electoral do 23 de xullo, Correos ten encomendada a misión de entregar os votos cursados por correo nas mesas electorais.

Para iso, establecerá unha despregadura loxística especial integrada por máis de 14.000 profesionais, entre persoal de repartición, oficinas e centros de tratamento, e mobilizará todos os vehículos da súa frota que sexan necesarios para o correcto desenvolvemento da súa misión.

Cando se abran os locais electorais, un primeiro equipo de persoal da empresa postal pública entregará os votos en custodia nas 60.314 mesas electorais distribuídas nos 22.562 locais electorais dos 8.131 municipios de España.

Outro grupo de empregados fará chegar ás mesas electorais aqueles votos por correo que puidesen recibirse durante o transcurso da xornada.

Por último, outro equipo recollerá o denominado “terceiro sobre”, co resultado do escrutinio, das mesas electorais de todos e cada un dos colexios electorais do país.

A dirección de Correos agradece a profesionalidade e extraordinario esforzo que está a realizar o seu persoal para garantir que todos os cidadáns que o desexen poidan exercer o seu dereito ao voto por correo.

Asegura que as horas extraordinarias, que xa estaban orzadas, se aboarán na nómina de agosto e que se deron as instrucións pertinentes para flexibilizar ao máximo o descanso de todos os profesionais implicados no proceso do voto por correo

Un 23X que baterá marcas no voto por correo

As solicitudes de voto por este procedemento alcanzaron un récord histórico, ata chegar aos 2,6 millóns de peticións, debido á coincidencia dos comicios coas vacacións de verán, Correos informou de que xa puxo ao dispor a totalidade das documentacións aos electores.

O volume de peticións de voto por correo nestas eleccións é un 80,45 % superior ao das eleccións xerais do 26 de xuño de 2016 (1.453.446), que, ata o de agora, marcaban o máximo de voto por correo da democracia.

Como novidade, nestes comicios os votantes terán que exercer o seu dereito ao sufraxio de maneira persoal e mostrando unha identificación, segundo estipulou a Xunta Electoral Central (XEC), polas fraudes ocorridas en Melilla e noutras localidades as pasadas eleccións municipais e autonómicas.

Desta forma, ao depositaren os sobres e papeletas electorais nas oficinas de Correos requiriráselles o DNI, pasaporte, permiso de conducir ou calquera outro documento válido.

Con todo, a XEC estableceu que, se un cidadán está incapacitado por causas xustificadas para ir depositar o voto á oficina, outra persoa pode facelo no seu nome entregando unha autorización asinada e unha copia do documento acreditativo de identidade.

A correspondencia dirixida ás mesas electorais conservarase ata o 23 de xullo, cando Correos  a trasladará aos colexios ás nove da mañá e, ao longo da xornada, poderíanse seguir enviando as votacións que se puidesen recibir ese mesmo día ata as oito da tarde, cando teña lugar o peche dos colexios electorais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade