Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ucraína retira as súas tropas da cidade de Avdivka, na provincia de Donetsk

Ucraína retira as súas tropas da cidade de Avdivka, na provincia de Donetsk

É a principal vitoria de Rusia nun ano

Putin felicita o Exército pola conquista

G24.gal 17/02/2024 09:13 Última actualización 17/02/2024 22:56

Ucraína anunciou a retirada das súas tropas da cidade oriental de Avdivka ante o avance das forzas rusas e as voces, cada vez máis fortes dentro do Exército ucraíno, sobre a imposibilidade de manter esta fronte.

"Tendo en conta a situación operativa ao redor de Avdivka, para evitar o cerco e preservar a vida e a saúde dos militares, decidín retirar as nosas unidades da cidade e pasar á defensa en liñas máis favorables", escribiu o novo comandante en xefe das Forzas Armadas de Ucraína, Oleksandr Sirski, na súa conta de Facebook.

Segundo o comandante, os soldados ucraínos "cumpriron con dignidade o seu deber militar, fixeron todo o posible para destruír as mellores unidades militares rusas e inflixiron perdas significativas ao inimigo en termos persoal e equipo".

A cidade era un dos principais bastións na rexión de Donetsk e un dos obxectivos máis cobizados do Exército ruso tras facerse con Bajmut e Márinka. Controlada por Rusia desde 2014, sufrira asaltos intensos das tropas do Kremlin desde outubro pasado.

Nos últimos días, Ucraína enviara reforzos a esta fronte, pero os comandantes das brigadas que loitaban en Avdivka recoñeceron que era difícil manter o control da cidade porque Rusia mandaba cada vez máis unidades ao combate e tentaba cortar as liñas de subministración e comunicación.

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, dixo que as accións das tropas do seu país na fronte só están limitadas pola falla de munición e mísiles de longo alcance de Occidente, o que permite a Rusia adaptarse á situación no campo de batalla.

Felicitación de Putin

O presidente de Rusia, Vladimir Putin, felicitou o Exército ruso pola conquista do bastión de Avdivka, no leste de Ucraína, segundo informou o Ministerio de Defensa ruso nun comunicado.

"Gloria eterna aos heroes caídos en combate", reza a mensaxe presidencial.

Tamén o xefe da rexión de Donetsk imposto por Moscova, Denís Pushilin, agradeceulle ao Exército ruso a toma do bastión ucraíno, situado a poucos quilómetros da capital rexional do mesmo nome e controlada por Moscova desde 2014.

"En nome de todos os habitantes do Donbás, agradezo ás nosas tropas, o noso exército e o noso presidente polo feito de que a república popular de Donetsk continúe liberándose e Avdivka estea connosco", escribiu na súa conta de Telegram.

Mentres, o Ministerio de Defensa de Rusia destacou que só unhas poucas formacións ucraínas lograron abandonar Avdivka, "abandonando as súas armas e o equipo militar".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade