Ucraína afirma que fixo avances cara ao leste de Khersón
Se se confirma, sería a apertura do camiño mesmo á recuperación de Crimea
Co avance do outono, os camiños enchéronse de lama e as tropas rusas e ucraínas ralefrearon a súa marcha. Co chan conxelado, os blindados poden manobrar con máis eficacia, polo que se agarda que o inverno intensifique as ofensivas.
Con todo, nas últimas horas as dúas partes din que fixeron logros. O máis notable, Ucraína, que asegura que un grupo de soldados seus pasou ao leste do río que divide Khersón, a onde se repregaran hai unhas semanas os rusos.
De se confirmar poderían empezar pronto a operar na marxe oriental, que mesmo lles abriría o camiño a Crimea.
De momento, as imaxes que chegan son do lado oeste, o controlado por Ucraína. Alí algúns civís esperan xuntarse cos familiares que teñen na outra beira, aproveitando que se levantou temporalmente a prohibición de cruzar, pero din que non teñen como.
Diálogo
Mentres, Europa volve falar de diálogo. Esta vez o chanceler alemán, que defende que sería un erro grave deixar de falar con Putin.
O presidente de Ucraína cre, porén, que a Unión Europea está a ser demasiado liviá con Moscova. Dío a raíz do tope que lle puxeron ao prezo do cru ruso. Zelenski considérao insuficiente para frear a capacidade invasora do Kremlin.