Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ascenden a mais de 33.000 os mortos en Turquía e Siria polos terremotos

Ascenden a mais de 33.000 os mortos en Turquía e Siria polos terremotos

 A Organización das Nacións Unidas teme que a cifra sexa o dobre da actual ou máis

G24.gal 12/02/2023 14:33 Última actualización 12/02/2023 15:39

Sobrevivir máis de tres días baixo os cascallos sen auga nin alimentos é improbable, pero a punto de facer unha semana dos sismos seguen dándose casos. Nun dos últimos, o rescate dun home de 70 anos, axudaron os soldados españois desprazados aló.

Son alegrías, porén, contadas. A cifra que non deixa de medrar é a de vítimas mortais. Xa supera as 33.000, entre Turquía e Siria.

Neste último país, nas áreas controladas pola oposición, as máis afectadas e tamén ás que chegaron menos recursos, deron por concluída a busca de persoas vivas.

Tras dous días sen atoparen ningunha, limítanse ao desentullo. A Organización de Nacións Unidas recoñeceu que lles fallara e prometeu enviarlles axuda.

Turquía ten máis de 166.000 persoas traballando nos rescates, 8.000 son especialistas estranxeiros, entre eles un grupo de bombeiros galegos que foron con cans de rastrexo. E aínda así custa chegar a todos os puntos.

Os que agardan noticias de seres queridos desaparecidos unen á pena a rabia, tras ver caeren edificios novos, o que pon en cuestión a calidade das construcións. Din que levaban materiais precarios e que o goberno non os controlou.

Investigación sobre as construcións

A Fiscalía turca abriu unha investigación sobre as condicións dos inmobles e ditou un cento de ordes de detención. O construtor dun inmoble de luxo que caeu con cen persoas dentro collérono no aeroporto cando trataba de fuxir.

Turquía ten unha norma sobre resistencia sísmica na construción que apenas se cumpre e Erdogán legalizou vivendas que non a aplicaran a cambio dunha multa económica.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade