Trump di que o castrismo en Cuba vive os seus "últimos momentos"
Asegura que está a negociar co Goberno da Habana e que será doado "chegar a un acordo"
O mandatario presentou a coalición militar Escudo das Américas para loitar contra os cárteles da droga
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, asegurou este sábado que o castrismo en Cuba está "nos seus últimos momentos" e que a illa "pronto" terá unha "gran vida nova".
"Cuba está nos seus últimos momentos de vida tal como é agora. Terá unha gran vida nova, pero está nos seus últimos momentos de vida tal como é", expresou o mandatario.
O mandatario dixo agardar "con entusiasmo o gran cambio que pronto chegará a Cuba", pero tamén sinalou que a súa "atención agora mesmo" está na guerra de Irán.
Durante un cume en Miami con presidentes afíns de América latina, confirmou estar a "negociar" co Goberno da Habana, xunto co seu secretario de Estado, Marco Rubio.
"EL vai tomarse unha hora libre e logo pechará un acuerdo sobre Cuba. Será doado", asegurou.
Tras a captura de Nicolás Maduro por forzas estadounidenses en Venezuela, Cuba deixou de recibir petróleo venezolano e Trump anunciou aranceis para calquera que lle fornecese cru.
O bloqueo enerxético imposto por Washington agravou a crise social e económica da illa.
Trump coa primeira ministra de Trindade e Tobago. REUTERS/Kevin Lamarque
Escudo das Américas
No cume de Miami, Donald Trump presentou unha nova "coalición militar" conformada por 17 países do continente americano que se chamará Escudo das Américas.
"Neste día histórico unímonos para anunciar unha nova coalición militar para erradicar os cárteles criminais que infestan a nosa rexión", afirmou durante a súa intervención nun acto con doce dirixentes afíns no hotel Trump National Doral Miami.
Segundo explicou, trátase dunha "coalición contra os cárteles" da droga.
"O corazón do noso acordo é o compromiso para utilizar forza militar letal para destruír as redes dos malvados terroristas dos cárteles dunha vez por todas", sinalou.
Para iso serviranse de "armas asombrosas" e puxo como exemplo a incursión militar do 3 de xaneiro na que capturaron o presidente venezolano, Nicolás Maduro, en Caracas.
Trump resaltou que a rexión de América é "moi importante", pero "estivo abandonada durante moitos anos polos Estados Unidos". Agora busca liberala dos cárteles empregando "o poder supremo dos EUA" a nivel militar.
"Somos o país máis potente do mundo desde o punto de vista militar", subliñou.
Aplausos tras a firma do documento. REUTERS/Kevin Lamarque
Mísiles contra os dirixentes do narcotráfico
O mandatario ofreceulle aos líderes afíns empregar mísiles estadounidenses para acabar cos xefes dos cárteles do narcotráfico.
"Algúns de vostedes están en perigo. Se queren podemos utilizar os nosos mísiles. Bum! Son moi precisos. Xusto no salón e fin da persoa do cártel", apuntou Trump.
Durante décadas, asegurou, dirixentes da rexión permitiron que gran parte do seu territorio quedara baixo control directo das bandas transnacionais.
"Non imos permitir que ocorra. Axudarémosvos", subliñou.
Tamén se referiu aos países que non participan na iniciativa, como México, onde goberna a presidenta Claudia Sheinbaum.
Na súa longa intervención de máis de 30 minutos, Trump mencionou algúns dos dirixentes presentes, como o presidente electo chileno, José Antonio Kast, que o vindeiro mércores tomará posesión.
"Ten a vantaxe do idioma con respecto a min. Porque non vou aprender o voso maldito idioma. Non teño tempo. Está ben que haxa idiomas, pero eu non vou investir tempo en aprender o voso idioma. Bástame cun bo intérprete", indicou.
Así mesmo mencionou o presidente de Panamá, José Raúl Mulino, quen "fixo un dos mellores negocios inmobiliarios da historia" porque "comprou a Canle por 1 dólar", asegurou.
Sobre o presidente arxentino, Javier Milei, o seu "amigo", destacou que logrou "unha gran vitoria" despois de recibir o seu apoio.
"Estaba varios puntos por detrás e subiu como un foguete", asegurou.
Igualmente mencionou o presidente do Salvador, Nayib Bukele; o de Paraguai, Santiago Peña; o de Ecuador, Daniel Noboa; o de Güiana, Irfan Ali; o de Bolivia, Rodrigo Paz; o de Costa Rica, Rodrigo Chavez, ou de República Dominicana, Luis Abinader.
Tamén estaban presentes o mandatario de Honduras, Nasry Asfura, e a primeira ministra de Trindade e Tobago, Kamla Persad-Bissessar.