Trump cre que o van arrestar o martes e insta a cidadanía a protestar
O expresidente dos EUA está a ser investigado polo pago de cartos á estrela do cinema porno Stormy Daniels
O expresidente republicano estadounidense Donald Trump (2017-2021) asegurou este sábado que cre que será arrestado o martes, no marco da súa investigación polo pago de cartos á estrela do cinema porno Stormy Daniels, e convocou a cidadanía a protestar.
"Protestade, recuperade a nosa nación", dixo na súa rede social Truth Social sen precisar o motivo do arresto.
O exmandatario baseou a súa información en "filtracións ilegais dunha oficina da fiscalía de Manhattan corrupta e altamente politizada que permitiu que se establezan novas marcas en delitos violentos e cuxo líder está financiado por George Soros".
"Segundo esta oficina, -engadiu na súa mensaxe- o principal candidato republicano e expresidente dos Estados Unidos será arrestado o martes (...) sen que se puidera demostrar ningún delito e baseándose nun conto de fadas vello e completamente desmentido (por moitos outros fiscais)".
A investigación de Manhattan, que durou case cinco anos, céntrase nun presunto pago de 130.000 dólares a Stormy Daniels a cambio do seu silencio durante a campaña electoral á Casa Branca de 2016.
O pago segredo buscaba supostamente evitar que fixese pública unha presunta relación sexual co entón candidato á presidencia.
Falsificación
A oficina do fiscal, segundo os medios, parece estar centrada na falsificación dos rexistros comerciais da Organización Trump por como se incluíu o reembolso dese pago ao exavogado de Trump Michael Cohen, que dixo adiantar ese diñeiro á muller.
Falsificar rexistros comerciais é un delito menor en Nova York, segundo lembra a cadea CNN. Ese mesma canle apuntou este sábado que se agarda que o exmandatario compareza en Manhattan tras as acusacións formais e avanzou a súa intención de dar un discurso despois.
Este caso marcaría a primeira acusación para o anterior presidente estadounidense e podería dar un xiro á carreira presidencial de 2024, na que Trump segue sendo un dos contendentes republicanos principais.