Trump anuncia que dende hoxe comenzarán a reabrir as conexións aéreas con Venezuela
A última aeroliña que operou entre Estados Unidos e Venezuela foi American Airlines, que suspendeu todos os enlaces aéreos comeciais en 2019
Iberia,Air Europa e Plus Ultra xa tiñan previsto retomar os voos a Caracas dende o próximo domingo, antes do anuncio de Trump
(Reuters-Arquivo)
O presidente de Estados Unidos, Donald Trump, anunciou este xoves que as conexións comerciais aéreas con Venezuela "abriranse moi pronto" e ordenou, tras unha conversación con Delcy Rodríguez, presidenta encargada do país andino, que o proceso comece hoxe mesmo.
"Acabo de falar coa presidenta de Venezuela e informeina de que imos abrir todo o espazo aéreo comercial sobre Venezuela", informou o mandatario durante unha reunión co seu gabinete na Casa Branca.
Trump afirmou que dera "instrucións a Sean Duffy (secretario de Transporte) e a todos os demais involucrados, incluíndo os militares, para que, como moi tarde ao final do día de hoxe, o espazo aéreo sobre Venezuela estea aberto e para que os avións poidan voar a Venezuela".
O pasado novembro, antes da operación militar que este mes depuxo a Nicolás Maduro, Trump lanzou unha mensaxe advertindo de que o espazo aéreo do país suramericano "permanecerá pechado na súa totalidade".
Un día despois da detención de Maduro e a súa esposa, Cilia Flores, o 4 de xaneiro, a Axencia de Seguridade Aérea de Estados Unidos (FAA nas súas siglas en inglés) emitiu un novo aviso ("notam" na linguaxe aeronáutica) sobre a situación "potencialmente perigosa" na rexión de Maiquetía "a todas as altitudes debido á actividade militar en Venezuela ou os seus arredores".
"As ameazas poderían representar un risco potencial para as aeronaves a todas as altitudes, incluíndo o sobrevoo, á chegada e á saída", dicía o aviso, que se estende ata o 2 de febreiro, tal como figura na web da FAA.
Trump mencionou hoxe a comunidade venezolana en Doral, Miami, onde se concentra a maior parte da diáspora venezolana en Estados Unidos, e asegurou que está "moi emocionada" pola noticia.
"Os cidadáns estadounidenses poderán viaxar a Venezuela moi pronto, e estarán seguros alí, xa que estará baixo un control moi estrito. E a xente que antes vivía en Venezuela, algúns queren regresar, e outros queren ir de visita, e poderán facelo", subliñou.
A última aeroliña estadounidense que operou conexións entre EUA e Venezuela foi American Airlines, que suspendeu todos os seus enlaces aéreas comerciais no ano 2019, cando ambos os países romperon finalmente as súas fráxiles relacións diplomáticas.
As aeroliñas europeas e latinoamericanas (entre elas as españolas Iberia, Air Europa e Plus ultra) tamén suspenderon os seus voos cara a e desde Caracas en novembro, e varias delas tiñan previsto renovalos, inicialmente, desde o vindeiro domingo, antes do anuncio de Trump.