Trump anuncia aranceis aos países con tropas en Groenlandia ata adquirila
Ameaza con taxas do 10% a Alemaña, Francia, o Reino Unido, Suecia, Noruega, Países Baixos, Finlandia e Dinamarca
Planea aumentalas ao 25 % en xuño ata que se peche un acordo "para a compra total e plena" do territorio
António Costa anuncia unha "resposta conxunta" da UE e lembra a súa defensa "moi firme" do dereito internacional
Un buque militar danés amarrado en Nuuk. REUTERS/Marko Djurica
O presidente dos EUA, Donald Trump, anunciou este sábado que imporá aranceis a Dinamarca e os demais países europeos que enviaron tropas a Groenlandia ata que se consuma a compra estadounidense da illa.
Trump ameazou cun arancel do 10 % desde o 1 de febreiro aos produtos de Alemaña, Francia, o Reino Unido, Suecia, Noruega, Países Baixos, Finlandia e Dinamarca como medida de presión para que apoien os seus plans de anexionar a illa ártica.
Nunha mensaxe na plataforma Truth Social, o mandatario indicou que planea aumentar estes aranceis a un 25 % en xuño e que se manterán en vigor ata que se peche un acordo "para a compra total e plena de Groenlandia" por parte de Washington.
Indicou que está disposto a "negociar de inmediato" con estes países, aos que acusou de estar "a poñer en risco" todo o que Washington "fixo por eles".
Aranceis como ferramenta política
Desde o seu regreso á Casa Branca, en xaneiro de 2025, o presidente dos EUA usou os aranceis como ferramenta política contra os seus socios comerciais.
Chegou a elevalos ata nun 50% sobre as importacións do Brasil e a India, como represalia polo trato ao expresidente Jair Bolsonaro e a compra de cru ruso, respectivamente.
As palabras do presidente dos Estados Unidos chegan despois de que Dinamarca, de quen depende o territorio autónomo de Groenlandia, anunciara un incremento inmediato da súa presenza militar e a realización de manobras.
Varios países sumáronse á iniciativa como acción de apoio á illa, cobizada por Trump co argumento de reforzar a "seguridade nacional" dos Estados Unidos e evitar que caia en mans da China ou Rusia.
A Casa Branca asegurou este xoves que estes movementos non afectan "en absoluto" o obxectivo de Trump de controlar Groenlandia, rica en metais preciosos e terras raras.
O Goberno danés insistiu na soberanía da illa e rexeitou as pretensións de Washington, aínda que se comprometeu á creación dun grupo de traballo cos Estados Unidos para abordar as "discrepancias" sobre o tema.
Costa con Von der Leyen en Asunción este sábado. REUTERS/Cesar Olmedo
"Resposta conxunta" da UE
O presidente do Consello Europeo, António Costa, afirmou este sábado que coordina unha "resposta conxunta" dos vinte e sete fronte aos aranceis anunciados polo líder estadounidense contra os países europeos que enviaron tropas a Groenlandia.
"A UE será sempre moi firme na defensa do dereito internacional, sexa onde sexa, e, por suposto, empezando polo territorio dos Estados membros da UE", sinalou nunha conferencia de prensa co gallo da firma do acordo comercial co Mercosur.
O xefe do Consello Europeo quixo destacar primeiro que o tratado comercial entre a UE e o Mercosur envía unha mensaxe "moi clara" ao mundo: "Non son necesarios os conflitos entre os países, senón a paz e a cooperación".
"O que é fundamental é defender sempre o dereito internacional, sexa onde sexa. Se Rusia invade Ucraína, temos que levantarnos para defender a integridade territorial e a soberanía en Ucraína. Se os dereitos humanos son violados en Venezuela, debémonos levantar para defender os dereitos humanos en Venezuela", defendeu.