Tonecho Amor, primeiro dakariano galego: "A esencia do Dakar perdeuse co tempo"
O seu primeiro Dakar foi o da 11ª edición, a de 1989. Participou en catro máis, dos cales puido rematar dous
Segue formando parte do mundo dos rallys, e non descarta volver ao Dakar nun futuro
O coruñés Tonecho Amor foi o primeiro piloto galego en competir no Dakar. No Nadal de 1988 comezou a 11ª edición do Dakar, e nela participou como copiloto do murciano Alejandro Linati.
Durante aqueles anos, el e o moteiro Agustín Fernández foron os que representaron a Galicia por terras africanas. En cambio, Tonecho naceu en Galicia, mentres que Agustín era recoñecido no mundo do motor como madrileño (o seu pai era de Foz, pero el naceu na capital española).
Tonecho Amor: "Eu sempre entrei nos despachos para pedir os cartos dicindo que son galego. Agustín en Madrid dicía que era madrileño".
Para Tonecho as condicións daqueles Dakar non eran comparables ás de agora, xa que a dureza era moito maior daquela, cando o rally ía de París a Dakar. Entre os novos tempos e os cambios e continente (primeiro en Sudamérica, na actualidade en Arabia Saudita), o Dakar evolucionou. A seguridade para os competidores cada vez é maior, e tamén se lles proporciona maiores facilidades. En cambio, o coruñés opina que a esencia do Dakar foise perdendo pouco a pouco.
Tonecho Amor: "A filosofía do fundador (Thierry Sabine) de axudar a mellorar as infrastruturas dos países polos que pasaba o rally perdeuse por completo".
Ata agora participou en cinco Dakar (1989, 1990, 1997, 1998 e 1999), dos cales rematou dous, o de 1990 (78ª posición) e o de 1998 (21ª posición). Serían tres se non fora porque na súa primeira vez, na última o seu coche non puido chegar ao Lago Rosa cando lle quedaban apenas 300 quilómetros. Aos seus 65 anos, Tonecho non descarta volver algún día ao Dakar, incluso cun posible obxectivo de ser a persoa de maior idade en competir no rally.