Talleres lucenses buscan en países de Suramérica mecánicos, pintores ou carroceiros
No sector sinalan dificultades para atopar profesionais cualificados
Os talleres mecánicos de Lugo precisan man de obra cualificada. Ante a falta de profesionais para cubrir diversos postos, ata 16 empresas da provincia están interesadas en contratar, se é preciso, persoal procedente de Chile ou do Perú.
Entre os talleres mecánicos interesados en toda a provincia, demandan cubrir preto de medio cento de postos de traballo. Inclúense mecánicos, carroceiros, pintores, electromecánicos ou mecánicos agrícolas.
Luis Abelleira, presidente de Aprevar: "Sabemos que imos ter que seguir formando os que veñan de Chile ou do Perú. Pero é que neste momento nin a xente que vén aos programas de formación da Xunta nin a que vén da FP quere quedar no sector".
Co fin de atender a demanda de servizos, a intención da patronal é dispoñer do persoal cualificado necesario o antes posible.
Rubén Gil, xerente dun concesionario: "Xente que leve 10 ou 15 anos traballando no sector e que xa teña unha experiencia para que a produtividade sexa inmediata é o que nos custa encontrar".
Roberto Zas, xefe de taller: "Fai falta importar traballadores ou, tamén, motivar a xente que está esperando unha oportunidade para poder traballar".
No conxunto da provincia de Lugo hai actualmente arredor de 650 talleres mecánicos, que lles dan emprego a uns 1.800 traballadores.