Starfelt volve á convocatoria do Celta para recibir mañá ao Xirona (14h)
Claudio Giráldez aínda pode contar con Marcos Alonso, e tampouco entrou na lista Damián
O equipo vigués buscará a primeira vitoria diante do pechacancelas
Retómase a liga. Volve a competición á primeira e o Celta recibe mañá o Xirona. Último adestramento este mediodía.
E confirmouse o que xa se intuía. Starfelt, coa alta médica, entrou na convocatoria para o partido de mañá. Despois de enlazar varias lesións e tras cinco meses sen disputar un partido oficial, o xogador sueco volve a unha convocatoria.
Quedaron fóra Marcos Alonso, lesionado, e Damián, por decisión técnica. Tanto o Celta como o Xirona teñen pendente a primeira vitoria. O adestrador tirou de retranca, cando foi comentada esa necesidade da vitoria: "Haberá que pechar a roda de prensa despois desta pregunta", comentou. Xa máis en serio, admitiu esa necesidade. "Si, queremos gañar, porque é unha consecuencia do traballo ben feito"
Malia á parada da Liga, o técnico agarda moitas dificultades no partido contra o Xirona pola incerteza dun rival con moitos cambios. "Teñen moitos xogadores que acaban de chegar. Malia a ter moito tempo para preparalo, non sabemos o que podemos agardar"
Sobre o seu plantel, Giráldez amósase confiado: "Temos recursos para competir. Estou tranquilo. Haberá algún cambio e adaptación de rol, como xa se veu con Hugo."
Por último, referiuse ás negociacións para a súa renovación: "Estamos no camiño correcto. O club quere contar comigo aquí, e eu tamén quero seguir"