Hezbollah abre unha nova fronte de guerra e Israel responde bombardeando O Líbano
O Exército israleí lanzou a madrugada unha intensa vaga de bombardeos contra os barrios meridionais de Beirut, despois de que o grupo xiíta entrara en escena no conflito de Irán e perpetrase un ataque con proxectís e drons contra o norte do Estado xudeu
"Debemos prepararnos para os días longos de combate que nos esperan", dixo este luns o xefe do Estado Maior do Exército israelí Eyal Zamir, tras unha avaliación dos bombardeos contra as aforas de Beirut e o sur do Líbano
En imaxe fume en Beirut tras os bombardeos israelís/En directo, sinal de Reuters en Xerusalén
Israel lanzou a madrugada deste luns unha intensa vaga de bombardeos contra os barrios meridionais de Beirut, despois de que o grupo xiíta libanés Hezbollah entrara en escena no conflito de Irán e perpetrase un ataque con proxectís e drons contra o norte do Estado xudeu.
O exército israelí asegurou que os ataques contra Hezbollah durarán días, despois de que a milicia xiíta libanesa lanzase proxectís contra instalacións militares no norte de Israel e este respondese de madrugada cunha onda de ataques causando polo menos 31 mortos e 149 feridos.
"Non só operamos á defensiva, senón que tamén pasamos á ofensiva. Debemos prepararnos para os días longos de combate que nos esperan", dixo este luns o xefe do Estado Maior do Exército israelí Eyal Zamir, tras unha avaliación dos bombardeos contra as aforas de Beirut e o sur do Líbano.
Zamir mencionou a necesidade de manter unha ofensiva sostida, operando en ondas continuas e aproveitando de forma constante as oportunidades.
No Líbano, a maior parte das vítimas, 20 falecidos e 91 feridos, rexistráronse no arrabalde da capital coñecido como o Dahye, mentres que os restantes once mortos e 58 feridos tiveron lugar por mor dos ataques na rexión meridional do país, informou o Centro de Operacións de Emerxencia nun comunicado.
Hezbollah argumentou os seus ataques como unha resposta ao asasinato en Teherán do máximo líder iraniano o sábado, Ali Khamenei, e á continuación dos bombardeos israelís contra o Líbano pese ao cesamento do fogo de 2024.
Grande éxodo
Os intensos bombardeos israelís no Libano causaron un grande éxodo de persoas tanto desde o arrabalde da capital como desde a rexión meridional do país. Tras estes primeiros bombardeos, o exército de Israel ordenou o luns de madrugada a evacuación de 53 aldeas e cidades do sur do Líbano anticipando novos ataques contra Hezbollah.
A formación xiíta é unha aliado clave de Teherán, acusado de proporcionarlle armamento e financiamento, polo que o Goberno libanés levaba días con contactos diplomáticos para evitar a súa participación no caso de que Washington lanzase un ataque contra Irán. O primeiro ministro libanés Nawaf Salam cualificou de irresponsable o ataque lanzado por Hezbollah contra o norte de Israel e prometeu non deixar que o país sexa arrastrado a un novo conflito, pouco máis dun ano despois do final da última guerra.
O Goberno libanés levaba días buscando garantías de que o movemento xiíta, aliado de Teherán, non se involucraría no caso de que os Estados Unidos atacasen Irán. Con todo, Hezbollah xa indicara antes deste conflito que para eles calquera ataque contra Khamenei, tamén un importante líder relixioso para os xiítas do mundo, era unha liña vermella.
Continúan os ataques entre Irán e Israel
Un novo ataque de Irán contra Israel deixou varios feridos o domingo á noite, aínda que a cifra de afectados varía segundo os distintos servizos de emerxencia e oscilan desde os cinco ata os sete. O mísil iraniano caeu sobre unha estrada na área de Xerusalén. Froito dunha andanada previa, un mísil impactou contra unha zona comercial na área metropolitana de Tel Aviv, na que os bombeiros se atopan levando a cabo traballos de procura.
Posteriormente, as Forzas de Defensa de Israel anunciaron unha nova vaga de ataques contra Irán, particularmente contra o corazón de Teherán, a capital da República Islámica. Múltiples medios iranianos, como a axencia Fars ou a axencia Tasnim, informaron de varias explosións ao longo de toda a noite en Teherán. Ata o momento, dez persoas morreron en Israel polos impactos de mísiles iranianos no país, mentres que en Irán as vítimas superan as 200.
Haberá máis baixas dos EUA
Nun vídeo publicado na súa conta de Truth Social, o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, predixo este domingo que lamentablemente haberá máis baixas estadounidenses na guerra con Irán, despois de que falecesen tres militares do seu país na operación para derrocar a República Islámica.
"Lamentamos a perda dos verdadeiros patriotas estadounidenses que fixeron o sacrificio máximo pola nosa nación, mentres continuamos a xusta misión pola que deron as súas vidas", declarou.
Trump instou ademais a Garda Revolucionaria iraniana a renderse a cambio de inmunidade ou pola contra, dixo, afrontará unha morte segura. "Insto a Garda Revolucionaria e a policía militar iraniana a depoñeren as armas e recibiren inmunidade total ou se enfrontaren a unha morte segura. Será segura. A morte non será agradable", asegurou o presidente no vídeo publicado antes de regresar este domingo á Casa Branca.
Horas despois, o secretario do Consello Supremo de Seguridade Nacional de Irán, Ali Larijani, afirmou que a República Islámica non negociará cos Estados Unidos, despois de que se fixesen públicas informacións que parecían indicar unha disposición ás conversacións con Washington.
O Reino Unido cederá as súas bases
O primeiro ministro británico, Keir Starmer, anunciou este domingo, tamén nunha mensaxe de vídeo, que concedeu aos Estados Unidos o uso de bases británicas (non especificou cales) para propósitos defensivos específicos que inclúen ataques a bases iranianas.
Starmer desmentiu así a quen asegurou que o Reino Unido negociara o uso desas bases á aviación estadounidense, nun aparente intento de manter certa equidistancia neste conflito.
Apenas unha hora despois deste anuncio, a base de Akrotiri, que o exército británico ten en Limassol (Chipre), foi atacada por un suposto dron, informou o Ministerio de Defensa do Reino Unido. Non se ten constancia ata o momento de vítimas, segundo recollen varios medios británicos.