Publicador de contidos

Publicador de contidos

Soriano culmina a remontada no engadido e mete o Deportivo na lea do ascenso directo (2-3)

Soriano culmina a remontada no engadido e mete o Deportivo na lea do ascenso directo (2-3)

O cadro deportivista adiantouse cun temperán gol de Stoichkov

A Real reaccionou e púxose por diante cos goles de Astiazarán e Ochieng

A expulsión de Míkel Rodríguez a quince minutos do final resultou decisiva

Nsongo (83') e Soriano (93') marcaron os goles que lle dan tres puntos fundamentais ao Deportivo

G24.gal 01/03/2026 15:59

O Deportivo sacou tres puntos cos que poucos contaban a quince minutos do final. A expulsión por dobre cartón de Míkel Rodríguez deulle ás ao cadro coruñés que acabou dándolle a volta ao encontro nos últimos dez minutos cos goles de Nsongo Bil (83') e Mario Soriano (93'). Co triunfo o conxunto galego volve a meterse na lea do ascenso directo empatando co segundo clasificado, o Castellón, con 39 puntos. 

Non podía comezar de mellor xeito o partido. Cun gol de Stoichkov cando só se levaban dous minutos nunha xogada que tivo que revisar o VAR por unha posible falta de Zakaria sobre o porteiro local Fraga. Tivo Stoichkov o segundo cun remate ao poste pero no 23, no primeiro achegamento do filial donostiarra Astiazarán acertou a marcar o gol do empate. De aí ao final os locais xogaron mellor e puideron ir ao vestiario en vantaxe. 

Meteu trocos Hidalgo fortalecendo o centro do campo con Patiño e José Ángel cambiando a estrutura do equipo pero no 59 un erro grave na saída entre Loureiro e Noubi aproveitouno Ochieng para poñer o 2-1. Non funcionaba un Deportivo que se botou arriba á procura do empate. Mulattieri entrou para reforzar a dianteira e foi Patiño o que estivo preto da igualada cun remate de cabeza. A última arma foi a entrada do camerunés Nsongo. Iso e o cartón vermello a Míkel Rodríguez (74') cambiou o partido. 

Nsongo empatou no 83' cunha gran manobra individual. Con superioridade numérica o Deportivo non se conformou e acabou atopando un oco no terceiro minuto do engadido para que Soriano incrustase un remate entre as pernas de Fraga. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar