Sobe a 726 o número de hospitalizados pola covid en Galicia
Baixan a 16 as persoas hospitalizadas na UCI
A taxa de positividade descende ao 25,8 % en Galicia
Outras 17 vítimas elevan a 3.289 os falecidos pola pandemia

Galicia conclúe a Semana Santa cun incremento de pacientes hospitalizados pola covid-19, que se sitúan en 726, o que supón 140 máis que o mércores 13 de abril, xornada á que corresponden os anteriores datos actualizado.
Malia que aumentan os hospitalizados respecto do mércores pasado, os casos activos descenden a 12.874, que son 133 menos, e a taxa de positividade baixa a un 25,8 por cento no conxunto de Galicia.
Segundo os datos actualizados este luns pola Consellería de Sanidade, con rexistros ata as 18:00 horas do domingo, baixan a 16 as persoas hospitalizadas na UCI pola covid-19 en Galicia, unha menos, e aumentan a 710 as ingresadas en unidades convencionais, 141 máis, e son 12.148 os doentes que se atopan en seguimento domiciliario
Soben as cifras respecto do luns anterior, 11 de abril; daquela había 562 hospitalizados, deles 14 en UCI.
Aumenta a presión hospitalaria nas sete áreas sanitarias
A presión hospitalaria aumenta nas sete areas sanitarias con respecto aos datos do mércores 13 de abril, en especial na da Coruña e Cee. Nesta área, mantén 7 ingresados na UCI pola covid-19, e 164 noutras unidades, o que significa 39 ingresos máis por coronavirus.
Na área sanitaria de Ourense continúa unha persoa ingresada pola covid en UCI e soben a 111 as hospitalizados noutras unidades, 30 máis.
Na de Santiago e A Barbanza aumentan a catro os críticos, dous máis, e a 107 os doutras unidades, 20 máis.
Na área sanitaria de Vigo queda un paciente covid na UCI, un menos, e hai 102 doentes noutras unidades de hospitalización, 14 máis.
Na de Pontevedra e O Salnés hai dúas en críticos, un menos, e 96 noutras unidades, 14 máis.
Na área de Lugo atópase un paciente covid na UCI, non hai cambios, e 63 noutras unidades, dez máis.
Na área de Ferrol destaca como a única en Galicia sen críticos, o mércores pasado tiña un, e rexistra 67 ingresados noutras unidades,14 máis.
Descenden os casos activos desde o mércores 13 de abril
A Semana Santa conclúe cun descenso dos casos activos, entre os datos do mércores 13 e os rexistrados ata as 18:00 horas do domingo de Pascua. O número de casos activos sitúase en Galicia en 12.874, 133 menos. Isto débese a que neste tempo houbo máis altas (3.683) que contaxios (3.567), e tamén houbo 17 falecementos.