Publicador de contidos
Publicador de contidos

Só 1.400 baixas por regra incapacitante un ano despois da súa entrada en vigor

Só 1.400 baixas por regra incapacitante un ano despois da súa entrada en vigor

En todo 2023 iniciáronse 8,8 millóns de procesos de baixa

As expertas consultadas sinalan o "infradiagnóstico" e o temor á discriminación laboral

G24.gal 27/05/2024 22:13

Un ano despois da entrada en vigor das baixas por menstruación incapacitadora só se tramitaron 1.559 cunha duración media de tres días.

Así o reflicten os últimos datos ata o 24 de abril facilitados polo Ministerio de Inclusión.

A cifra coñécese na véspera de que se celebre este martes o día mundial da hixiene menstrual.

Para dar unha idea do peso desta cifra sobre o total, en todo 2023 iniciáronse 8,8 millóns de procesos de baixa e, tras o escaso número de baixas, as expertas consultadas sinalan o "infradiagnóstico" e o temor á discriminación laboral.

A posibilidade de pedir estas baixas aprobouse no marco da lei do aborto e entrou en vigor o 1 de xuño de 2023 suscitando debate e polémica sobre o seu impacto.

Para solicitala, as pacientes deben contar cun diagnóstico médico de dismenorrea secundaria, é dicir, unha menstruación dolorosa asociada a patoloxías como endometriose, miomas, adenomiose ou outras doenzas como inflamación pélvica, pólipos endometriais, ovarios poliquísticos ou dificultade na saída de sangue menstrual.

A duración esténdese mentres duren estes síntomas asociados á menstruación e a prestación económica asociada a esta incapacidade temporal abóaa a Seguridade Social desde o primeiro día da baixa.

Infradiagnóstico e perspectiva de xénero na Sanidade

Cando se aprobou a norma, a vicesecretaria de UXT, Cristina Antoñanzas, xa asegurou que tal e como estaba configurada esta baixa sería "outra forma de discriminación" para as mulleres, porque as empresas poden coñecer o motivo da baixa polo código que utiliza a Seguridade Social nos partes.

A pasada semana lembraba nunhas xornadas sobre mulleres directivas organizada polo sindicato que hai un ano se lle reprochou que o sindicato "estivese en contra de que se ampliasen os dereitos", di e, aínda que está a favor desta baixa, o certo é que termina sendo "discriminatoria".

Antoñanzas lamentaba que se tardou tanto tempo de determinar que se trata dunha situación incapacitadora para moitas mulleres, algo que responde a que ata o de agora só se investigou sobre as enfermidades dos homes. "E nós fisioloxicamente somos diferentes".

De igual forma opina a secretaria de Mulleres, Igualdade e Condicións de Traballo de CCOO. Carolina Vidal reprocha a ausencia de perspectiva de xénero no sistema sanitario, que se centrou no estudo clínico do corpo masculino, e a súa lentitude á hora de levar a cabo un diagnóstico rápido.

Ese infradiagnóstico é o que explica o baixo número de prestacións por menstruación incapacitante concedidas desde a súa creación, xa que para que o médico de cabeceira expida o parte é necesario contar cunha patoloxía previa recoñecida, como a endometriose.

Para Vidal é fundamental loitar polo recoñecemento desta baixa laboral: "Porque logra facer visibles as nosas circunstancias. Non temos que ir traballar con penosidade".

"As mulleres non somos heroínas, somos persoas con problemas normais, algúns estruturais, coma este. (...) E non temos por que ocultalo, senón que temos que loitar para que non se nos discrimine", deixa claro Vidal.

Segundo un estudo elaborado pola consultora Kantar, o 49 % das mulleres sofre regras dolorosas, unha porcentaxe que no caso das máis novas ascende ao 76 %.

O Ministerio de Igualdade calculou no momento de aprobala que o dereito a unha baixa por menstruación incapacitante tería un custo adicional máximo de 23,8 millóns de euros ao ano.

A partir das cifras de poboación activa e con emprego, Igualdade calculaba que uns seis millóns de mulleres traballan no rango de idade 16-50 anos e estimaba que o 1 %, ao redor de 60.000, poden sufrir esas regras incapacitantes.

As cifras de baixas foron moi inferiores a esas estimacións. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos