Sen rastro de Esther López, a muller de 35 anos desaparecida en Valladolid
Este sábado levouse a cabo unha nova batida en Traspinedo pero sen éxito
O detido pola súa posible implicación no caso quedou en liberdade provisional
Hai un segundo investigado, outro veciño que estivo coa muller a noite da desaparición
Despois de 17 días, segue sen haber rastro de Esther López, a muller de 35 anos desaparecida en Traspinedo, Valladolid, o 12 de xaneiro. Este sábado levouse a cabo unha nova batida para atopala, pero sen éxito.
Unhas 600 persoas, entre elas máis dun cento de axentes da Garda Civil, voluntarios de Cruz Vermella e Protección Civil participaron este sábado no operativo. Ata o momento xa se fixeron catro batidas.
Nesta ocasión ampliouse o radio de busca a cinco sectores máis, hoxe cara ao oeste de onde despareceu o sinal do seu móbil e onde as testemuñas sitúan o derradeiro lugar onde foi vista.
Á batida acudiu o pai da desaparecida, Miguel López, arroupado polos veciños de Traspinedo.
A Policía Xudicial continúa coa investigación e polo momento todo son incógnitas sobre o paradoiro de Esther López.
Liberdade provisional
O home de 48 anos que fora detido pola súa posible implicación na súa desaparición quedou en liberdade provisional, pero mantén a condición de investigado por contradicións nas súas declaracións. Así o decidiu o xuíz, que lle impuxo a obriga de comparecer diariamente nos xulgados.
Hai unha segunda persoa investigada. É tamén un veciño de Traspinedo, que estivo con Esther López a noite da súa desaparición e que mesmo chegou a participar nas batidas que se están a facer na zona para localizala.
Segundo fontes da Garda Civil, polo momento non se teñen programado máis batidas ata que se considere necesario e o traballo seguirá con drons, helicópteros ou co Grupo Especial de Actividades Subacuáticas.