O PPdeG rexeita a comisión de investigación sobre o sector eólico que pedía o BNG
O PSdeG apoiou a iniciativa dos nacionalistas para establecer unha comisión que investigase a xestión da Xunta sobre as concesións ao sector eólico
Os populares censuran que o obxectivo da oposición coa pretendida comisión é "demonizar o sector eólico"
O PPdeG, maioritario no Parlamento autonómico, rexeitou este martes unha proposta do BNG apoiada polo PSdeG para establecer unha comisión investigadora da xestión da Xunta sobre as concesións ao sector eólico.
Os deputados do PPdeG votaron contra a iniciativa do BNG que reclamaban ese órgano para analizar un proceso de concesións a empresas para explotar a captación de enerxía eólica que considera "opaco" e "fóra da lei".
O parlamentario do BNG Luís Bará asegurou que o PP exerce en beneficio das empresas "eléctricas, en contra dos intereses das galegas e galegos". Bará considerou que se o PPdeG defendese a legalidade do proceso deberían "dar a cara" e, "nun exercicio de democracia", facilitar a documentación requirida en varias ocasións.
Na mesma liña, a deputada do PSdeG, Begoña Rodríguez Rumbo, dixo que o seu grupo apoia esta petición porque considera que a transparencia é a mellor fórmula para evitar "posibles irregularidades". A información "debería ser a maior garantía de calidade da nosa democracia", sinalou, e advertiu que o PSdeG censura que a Xunta sexa contraria á transparencia.
Fronte a iso, a parlamentaria do PPdeG Marta Nóvoa asegurou que o seu partido non acepta esta comisión porque o único obxectivo dos partidos da oposición é "demonizar o sector eólico" e "desgastar o adversario sen ningún tipo de proposta", porque o BNG "quere unha Galicia da prehistoria e illada".
Ademais, reprochou a incoherencia de nacionalistas galegos e socialistas porque "cando eles gobernan, si poden implantar eólicos", pero cando está o PP na Xunta, renegan.
O vicepresidente primeiro da Xunta Franciso Conde, nega que o executivo galego estea abrindo a man no concurso eólico. Máis ben o contrario. Dos 120 novos parques en tramitación, moitos xa quedaron desbotados por non conseguir a DIA, a declaración de impacto ambiental.
Medalla do Parlamento
A cooperación transfronteiriza entre Galicia e a Rexión Norte de Portugal recibe este ano a Medalla do Parlamento de Galicia. Así o acordou hoxe por unanimidade a cámara autonómica. Trátase do recoñecemento a unha entidade pioneira que, dende a súa creación en 1991, foi abrindo camiños de cooperación tanto entre institucións públicas coma organizacións privadas. Tres décadas nas que xa se converteu nun modelo para outras rexións da Unión Europea.