Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os partidos piden que se asuman responsabilidades políticas pola suposta espionaxe ao Goberno

Os partidos piden que se asuman responsabilidades políticas pola suposta espionaxe ao Goberno

Moncloa informa de tres intrusións en maio e xuño de 2021

Os independentistas cren que é unha "cortina de fume"

Núñez Feijóo fala de "casualidade non menor"

Antón Montero 02/05/2022 19:34

En plena polémica pola suposta espionaxe ao independentismo catalán, o Goberno denuncia que os teléfonos de Pedro Sánchez e Margarita Robles tamén foron infiltrados.

Segundo o Centro Criptolóxico Nacional, o móbil institucional do presidente do Goberno foi infectado dúas veces e unha o da ministra de Defensa. Os espías roubaron do terminal de Sánchez 2,7 xigas de datos, e moito menos, 9 megas, do de Margarita Robles.

Os feitos aconteceron en maio e xuño do ano pasado, coincidindo coa crise migratoria con Marrocos e cos preparativos dos indultos aos presos do procés. 

Félix Bolaños, ministro da Presidencia, dixo que "son uns feitos de enorme gravidade que confirman que se produciron intrusións en ámbitos alleos ás institucións estatais e fóra da lei".

A Avogacía do Estado denunciou os feitos ante a Audiencia Nacional. A noticia chega 15 días despois de que se desvelara a presunta espionaxe ao independentismo catalán, desde onde sospeitan que todo é unha cortina de fume.

Oriol Junqueras, presidente de ERC: "Merécenos pouca confianza o que diga o Goberno, polo menos mentres non asuma as responsabilidades que lle corresponden".

As suspicacias tamén as deixaba caer o Partido Popular. O seu líder Alberto Núñez Feijóo ironizaba con que "en pleno debate cos independentistas e en pleno debate coa estabilidade do Goberno, non deixa de ser unha casualidade política non menor".

As dúbidas os socialistas tacháronas de frivolidade. Adriana Lastra, vicesecretaria xeral do PSOE, cre que "sementar dúbidas ante algo tan grave é demostrar pouco sentido de Estado".

Unidas Podemos e Ciudadanos pregúntanse como puideron pasar inadvertidas as intrusións. Para Edmundo Bal, voceiro do partido laranxa, "existe unha grave neglixencia, un burato de seguridade nas comunicacións".

Tamén a secretaria xeral de Podemos Ione Belarra pensa: "É un erro de seguridade completamente inadmisible na nosa democracia. Creo que ten que comportar a asunción inmediata de responsabilidades políticas".

Os móbiles do resto de ministros tamén están sendo revisados para descartar máis infiltracións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos