Sánchez admite erros ante os casos de acoso e corrupción e o PP fala dun Goberno que "está KO"
O líder do PSOE insiste en que actúan con "contundencia e transparencia" contra a corrupción e o acoso sexual
No PP sinalan que Sánchez está en fase terminal e que os socios nin sequera lle piden responsabilidades
Última fin de semana da campaña electoral en Estremadura. Pedro Sánchez reivindicou a bandeira do feminismo e dixo que paga a pena gobernar para defender o estado de benestar e a igualdade. Admitiu que se puideron cometer erros, pero insistiu en que os dereitos das mulleres chegaron da man do PSOE e en que foron pioneiros no protocolo interno para evitar casos de acoso.
"Actuamos con contundencia, somos os primeiros en poñer en pé este protocolo e facémolo con contundencia e con transparencia. Igual ocorre coa corrupción, que é unha traizón ao partido socialista e aos principios do partido socialista".
Desde o Partido Popular afirman que o Goberno está noqueado polos escándalos que se suceden e que os seus aliados parlamentarios nin sequera lle piden explicacións públicas a Pedro Sánchez. Así o explicaba Cuca Gamarra:
"Estamos ante un Goberno que está KO e KO pola espiral de corrupción de acoso sexual. E isto os socios sábeno perfectamente, pero non valen palabras baleiras. Estano amparando e estano protexendo. Non están esixindo ningún tipo de responsabilidade".
En paralelo, o PP denunciaba esta mañá a ausencia de Sánchez e de doce ministros na sesión de control no Senado o martes vindeiro.