Sánchez desbota adiantar eleccións e ratifica o seu apoio a Zapatero
O presidente admite a "gravidade" da investigación da UCO en Ferraz e garante a colaboración xudicial
Pedro Sánchez cre que non é o momento de celebrar comicios e defende a estabilidade "para evitar meter o país nunha parálise"
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, descartou este mércores adiantar as eleccións e ratificou que o seu obxectivo é esgotar a lexislatura porque o que España precisa é a estabilidade e non a "parálise" que considera que supoñería convocar agora comicios.
Así o indicou nunha comparecencia de prensa en Roma tras a audiencia que mantivo co papa no Vaticano e que se produce nun momento delicado tanto para o Goberno como para o partido, apenas uns días despois da imputación do expresidente Zapatero e coincidindo cun requirimiento xudicial na sede do partido en Ferraz.
Sánchez admite a "gravidade" da situación, pero segue pensando en que a lexislatura debe chegar ata o final.
O presidente defende a "estabilidade" fronte a parálise que suporía adiantar agora os comicios
Nunha comparecencia ante os medios en Roma, a primeira que concede tras publicarse o auto de imputación de Zapatero, o presidente pechou as portas a un posible adianto electoral.
Malia a presión dos socios e dalgúns membros do seu propio partido, Sánchez recalca que aínda ten que culminar tarefas e non sería bo para o país a "parálise" que considera que supoñería convocar agora eleccións e o proceso posterior ata lograr a investidura dun presidente.
"Non hai motivos para cambiar a miña posición sobre Zapatero"
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ratifica o seu total apoio ao expresidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, imputado na causa de Plus Ultra.
Nunha comparecencia de prensa en Roma tras a súa audiencia co papa León XIV, Sánchez afirmou que, tras ler o auto do xuíz e coñecer detalles do sumario "non ve motivos para cambiar de posición". Pedro Sánchez pide respecto á presunción de inocencia e amosa a súa total colaboración coa xustiza.
"Toda a colaboración coa xustiza, todo o respecto á presunción de inocencia do presidente Zapatero e todo o meu apoio ao presidente Zapatero", manifestou.
Sánchez admite a gravidade da investigación ao PSOE e garante colaboración xudicial
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, admite a "gravidade" das investigacións da Audiencia Nacional que afectan o seu partido e que o sorprenderon no Vaticano, o día da súa primeira audiencia co papa.
Sánchez indicou que, "sen restar importancia á gravidade das investigacións", o que houbo este mércores en Ferraz "non foi un rexistro, senón un "requirimento xudicial", e garante a "total colaboración" coa xustiza por parte da dirección socialista.
O presidente remarcou que "se hai comportamentos irregulares novos, actuaremos coa mesma contundencia que actuamos antes" e responderá coa "contundencia" coa que "sempre" o fixo.