Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez anuncia 17 millóns en apoio a Palestina e pide aceptar o plan de paz dos EUA para Gaza

Sánchez anuncia 17 millóns en apoio a Palestina e pide aceptar o plan de paz dos EUA para Gaza

O presidente do Goberno participa en Xordania nun cumio de xefes de Estado e de Goberno no que participa o secretario xeral da ONU

O obxectivo é reforzar a resposta internacional ante a catástrofe humanitaria que vive a Franxa

G24.gal 11/06/2024 09:36 Última actualización 11/06/2024 11:44

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, instou este martes a que as partes no conflito entre Israel e Hamas acepten o plan de Estados Unidos para lograr un cesamento do fogo e que foi apoiado polo Consello de Seguridade da ONU.

Sánchez insta a Israel e Hamas a aceptar o plan de paz de Estados Unidos para lograr un alto o fogo e que tamen é apoiado polo Consello de Seguridade da ONU. Díxoo no seu discurso no cumio internacional sobre Gaza. Sánchez tamen anunciou que España vai mobilizar este ano un paquete de 17 milóns de euros en apoio a Palestina. 

Foi este luns cando este órgano de Nacións Unidas aprobou unha resolución presentada polos Estados Unidos de apoio á proposta de tregua que deu a coñecer o presidente estadounidense, Joe Biden, o 31 de maio e na que se establece un plan de tres fases para poñer fin á guerra en Gaza.

"Damos a benvida á resolución aprobada polo Consello de Seguridade de Nacións Unidas para alcanzar un cesamento do fogo en Gaza e a liberación dos reféns retidos pola organización terrorista Hamas", escribiu Sánchez na rede social X.

Tras expresar o firme apoio de España a ese plan é cando fixo o chamamento ás partes para que o acepten.

O presidente do Goberno participa este martes en Xordania nunha conferencia internacional sobre a situación en Gaza impulsada polo rei xordano, Abdalá II, o presidente exipcio, Abdelfatah al Sisi, e o secretario xeral da ONU, António Guterres.

Nela participan xefes de Estado e de Goberno, representantes de executivos de todo o mundo e responsables de organizacións humanitarias e de dereitos humanos e mais de institucións financeiras.

O seu obxectivo é reforzar a resposta da comunidade internacional ante a crise humanitaria en Gaza, definir medidas e procedementos comúns e identificar as necesidades operativas e loxísticas para que a axuda humanitaria chegue á franxa. Tamén se pretende mostrar o apoio ao labor humanitario que leva a cabo o sistema das Nacións Unidas.

O Goberno subliña que a participación de Sánchez nesta conferencia reflicte o compromiso de España con todos os esforzos da comunidade internacional para paliar a catastrófica situación humanitaria que atravesa Gaza.

Ademais de intervir no cume, está previsto que manteña unha serie de reunións bilaterais, entre elas, co rei xordano, con Guterres e co comisario de Nacións Unidas para os Refuxiados Philippe Lazzarini.

Con esta viaxe son catro as que o presidente do Goberno realizou a Oriente Medio desde o inicio do conflito entre Israel e Hamas o pasado mes de outubro, o cal o Executivo considera que evidencia o papel de vangarda que está a xogar España na procura de solucións.

Sánchez asiste a esta conferencia despois de que o 28 de maio o Goberno aprobase o recoñecemento de Palestina como Estado e de que a pasada semana decidise intervir no procedemento da Corte Internacional de Xustiza iniciado por Suráfrica contra Israel por xenocidio na Franxa de Gaza. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade