Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia preséntase en Fitur como unha "terra amable e acolledora"

Galicia preséntase en Fitur como unha "terra amable e acolledora"

O presidente da Xunta asegura que hai que aproveitar que Galicia está de moda

G24.gal 20/01/2023 14:33 Última actualización 20/01/2023 16:12

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou este venres en Fitur a oferta turística da nosa comunidade como unha viaxe enogastronómica e sostible.

Rueda recoñeceu que nin a Xunta nin o sector agardaban unha recuperación de récord no 2022 tras a pandemia, con 6,3 M de viaxeiros. Rueda di que foi un acerto a aposta do Goberno galego polo turismo, ao que destinou case 200 millóns de euros en axudas.

"Se lle vai ben ao 10 % do PIB de Galicia e case o 12 % da man de obra, vaille ben a Galicia sen ningunha dúbida", dixo.

O presidente da Xunta asegura que hai que aproveitar que Galicia está de moda. Rueda presenta a nosa comunidade como unha terra cordial e acolledora.

"Somos unha terra hospitalaria e con moitísima identidade. E conxugar esas dúas cousas é o que nos dá forza", afirmou.

O Clúster do Turismo de Galicia, que agrupa máis de 7.000 empresas, celebra en Fitur o seu décimo aniversario. Din que os plans de futuro son traballar nun turismo máis internacional, sostible e innovador.

No acto institucional estiveron o alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida; o presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, e o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, entre outras autoridades.

Fitur está a xerar estes días moitas oportunidades de negocio que, segundo os turoperadores, son a mellor proba do que vai ser este ano para o turismo, e tamén para a nosa comunidade, onde o Camiño de Santiago segue a ser o produto estrela.

Galicia tamén leva a Fitur oito monumentos naturais, unha oferta de turismo que propón visitar lugares singulares como a costa de Dexo, a fraga de Catasós ou a praia das Catedrais. A conselleira de Medio Ambiente explicou que esta proposta permite coñecer Galicia a través do seu patrimonio natural, e ao tempo desfrutar da gastronomía de cada zona.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade