Recordos entre a lama, rescate da memoria no medio da traxedia
Na Universidade de Valencia recuperan fotos e documentos danados polo barro que teñen gran valor sentimental para as familias que o perderon todo na DINA
Que sería o primeiro en salvar se puidese? Despois das vidas, son as fotos e os recordos o que ten máis valor sentimental. Cinco universidades valencianas traballan en equipo para poder rescatar estes documentos entre a lama. Un traballo arduo que non sempre é posible, pero, tras milleiros de peticións, xa están podendo salvagardar moitas desas imaxes tan especiais para as familias afectadas pola DINA.
Cando o perdes todo, o que máis tristura dá, despois das vidas, é o que non se pode volver mercar. Centos de fotos estragadas polo barro comezaron a chegar ao laboratorio da Universidade de Valencia tras o chamamento destas investigadoras de que non as tiren. Tras unha triaxe, traballan minuciosamente para rescatar de entre a lama eses recordos.
Piden que mentres non entreguen as fotos, tamén en laboratorios de campaña que están instalando, as preserven en bolsas etiquetadas con buratos para que transpiren. As instantáneas están ligadas á nosa memoria.
Ademais de fotos, cartas de seres queridos, actas de nacemento... Os tesouros que cada familia garda como ouro en pano para ser o primeiro en salvar, se puidesen.