Rescatan un rapaz que caeu polo oco dun colector subterráneo en Monforte
O menor precisou de cinco puntos de sutura tras ser trasladado desde o lugar do accidente, unha céntrica rúa da vila
O burato tiña uns tres metros de profundidade e un metro de auga
Un mozo quedou ferido en Monforte ao caer polo oco dun colector subterráneo duns tres metros de profundidade. Ao parecer cedeu a tapa instalada sobre o chan.
Trátase dun rapaz de 13 anos. Ocorreu na céntrica rúa Cardeal Rodrigo de Castro. Segundo parece, o menor estaba enriba da tapa, que se moveu, e acabou por precipitarse no interior do colector.
Un comerciante da zona asegura que, segundo lle explicara a Policía Local, o fondo do burato "é duns tres metros e tiña como un metro de auga. E porque o viron caer, senón podía ser unha cousa bastante peor".
Aínda que nun principio parecía atoparse ben, finalmente foi preciso trasladalo ao hospital Comarcal de Monforte, onde lle puxeron cinco puntos de sutura.