Publicador de contidos

Publicador de contidos

Quen dixo medo?, por María Bastida

OPINIÓN

Quen dixo medo?, por María Bastida

María Bastida 21/01/2026 08:04

Hoxe as bolsas volven caer e o titular fácil fala de medo, de pánico ou mesmo de semana negra. Pero o que estamos a ver nos mercados é algo bastante máis interesante e revelador que unha simple corrección.

O máis importante non é canto caen as bolsas, senón onde caen. As vendas concéntranse en sectores moi concretos, como luxo, automoción e grandes empresas exportadoras. Ao mesmo tempo, soben con forza os activos refuxio, como o ouro e a prata, o dólar debilítase e aumenta a demanda de bonos. Isto dinos que o diñeiro non está a fuxir do mercado, máis ben está a cambiar de sitio. Non hai unha venda indiscriminada, hai unha rotación rápida e moi selectiva.

E que hai detrás dese movemento? Un cambio na forma en que os investidores están a interpretar o risco político. O mercado empeza a tomar en serio que os Estados Unidos, máis ben Donald Trump, poden estar dispostos a usar o comercio como arma xeopolítica real, non só como ameaza retórica para forzar acordos. E isto é importante porque cambia o esquema mental do investidor. Ata o de agora, moitas ameazas interpretábanse como ruído negociador, tácticas para gañar posición e xestos de consumo interno. Hoxe o mercado empeza a pensar que o dano económico pode chegar antes que o acordo, ou mesmo que o acordo non chegue.

O problema de Groenlandia introduce tres elementos novos. En primeiro lugar, os aranceis deixan de vincularse a desequilibrios comerciais ou regras económicas e pasan a condicionarse a decisións soberanas de terceiros. Iso é un precedente moi serio. En segundo lugar, afecta a aliados, non a rivais. Non se trata da China, Rusia ou Irán. Presiónase socios europeos e un territorio vinculado a Dinamarca. Iso rompe un suposto básico de estabilidade nos mercados: a previsibilidade dentro do bloque occidental. Como resultado, converte a ameaza en algo crible. Cando unha ameaza comercial se vincula a un obxectivo xeopolítico concreto, deixa de ser discurso. O mercado non xulga se é razoable, xulga se é posible. E aquí empezou a pensar que si.

A miña impresión xeral é que o mercado non está a descubrir un risco novo, senón reaxustando de forma abrupta a probabilidade de que un risco que moitos crían retórico se converta en operativo. E iso adoita provocar movementos bruscos. Así que non, isto non é o inicio dun colapso financeiro. É máis ben un ensaio xeral do que probablemente veremos máis veces: episodios de alta volatilidade provocados por decisións políticas unilaterais, amplificados por redes sociais e con impactos moi desiguais segundo sectores.

Dito doutro xeito, o mercado non está a dicir que todo vai mal. Está a dicir que o mundo é hoxe máis político, máis fragmentado e menos predicible do que pensabamos. E iso, para o investidor de medio e longo prazo, non invalida a renda variable. Pero si que esixe máis selección, máis paciencia e, desde logo, máis estómago.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade