Publicador de contidos
Publicador de contidos

Meis sofre unha vaga de actos vandálicos, con queima de colectores

Meis sofre unha vaga de actos vandálicos, con queima de colectores

Esta semana alguén incendiou pola noite os colectores de lixo onda o colexio

Destrución da marquesiña do autobús e danos no parque da Armenteira, entre as últimas accións vandálicas rexistradas no municipio

As lapas do colectores incendiados a madrugada do martes alcanzaron vexetación ao redor do colexio da Armenteira
G24.gal 15/03/2023 14:01

Operarios do Concello de Meis traballaban esta mañá nas proximidades da Armenteira, onde teñen estado varias veces nas últimas semanas para refacer o estragado en accións vandálicas, desde onde hoxe repoñían o taboleiro da comunicación veciñal e se vía o último punto deses ataques.

O martes de madrugada alguén lle prendeu lume ao grupo de colectores de lixo. Foron substituídos por uns novos. Cando os incendiaron non había coches, pero si outros riscos preto:

"O colexio está próximo, hai un cadro eléctrico, e problemas mesmo para os rapaces cando baixan do autobús",  sinala Rodrigo Vázquez, encargado do Concello de Meis.

E, a maiores, un gasto adicional para as arcas municipais, como sinala a veciña Lola, tras reprobar a acción vandálica: "Iso non se fai, porque os colectores non lle fan dano a ninguén, e se o lume alcanza os cables eléctricos e queima todo... Son cartos que saen de nós mesmos, co que estes feitos non me agradan nada".

Ademais esnaquizaron en varias fases os vidros da marquesiña e mesmo levaron os enganches. Non levaba moito tempo instalada e fará falla un desembolso importante para pagar a reparación dos danos. Algo que se vén repetindo nos últimos tempos:

"Hai vandalismo por esta zona. Non sabemos por que. Na fin de semana, sobre todo, fan bastante dano; entran no colexio, rompen cousas... Tense que concienciar a xente de que todos pagamos isto, que non é cousa de romper e non pasa nada", lembra Rodrigo Vázquez.

No Concello de Meis piden a colaboración cidadá para dar co autor ou autores destes estragos que tamén deixaron pegada no parque da Armenteira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar