Publicador de contidos

Publicador de contidos

Putin manda bloquear a fábrica de Azovstal e dá por controlada a cidade de Mariupol

Putin manda bloquear a fábrica de Azovstal e dá por controlada a cidade de Mariupol

O Kremlin renuncia a atacar a metalurxia e busca a rendición dos 2.000 soldados que permanecen alí atrincheirados

A resistencia ucraína frea o avance da ofensiva rusa nas provincias de Donestk e Luhansk

G24.gal 21/04/2022 19:14

Rusia dá por controlada a cidade de Mariupol ao renunciar a atacar a metalurxia de Azovstal. O presidente Vladimir Putin anunciou o cambio de estratexia nunha reunión co seu ministro de Defensa. Mandou parar os ataques contra a fábrica, pero ordenou bloquear as instalacións para que, di literalmente, non entre nin saia unha mosca delas.

O Kremlin busca a rendición dos últimos 2.000 soldados que, segundo os seus cálculos, permanecen no edificio con escasos recursos. As autoridades ucraínas piden que se deixe saír polo menos os centos de civís que se refuxian tamén na fábrica.

O alcalde de Mariupol teme o peor, que os deixen morrer de fame alí dentro por non abrir un corredor humanitario. Algo que, di, está pasando tamén no centro da cidade onde centos de persoas agardan para ser evacuadas sen éxito.

Ucraína denuncia que acaba de atopar unha foxa común de 30 metros de longo a poucos quilómetros de Mariupol, onde asegura que os soldados rusos están soterrando os cadáveres que se amorean nas rúas despois de 57 días de asedio á cidade.

Unha operación que lles fai sospeitar que o Kremilin está limpando Mariupol para celebrar alí o desfile do 9 de maio, unha data sinalada que conmemora a vitoria da Unión Soviética sobre a Alemaña nazi na Segunda Guerra Mundial.

De feito, o servizo de intelixencia británica augura que  Rusia vai acelerar a súa ofensiva no Donbás antes dese día, para celebrar nesa data simbólica os seus éxitos. 

De momento o avance en Donetsk e Luhansk está sendo lento, en parte pola resistencia ucraína. Nas últimas horas o exército ruso atacou duramente as cidades de Khárkiv e Micolaiv, e máis ao leste Kramators. Ucraína di que as súas tropas recuperaron o control da cidade de Kreminna, tomada polos rusos a principios da semana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade