Publicador de contidos

Publicador de contidos

Putin, disposto a negociar cara a cara con Zelenski pero con condicións

Putin, disposto a negociar cara a cara con Zelenski pero con condicións

O secretario xeral da ONU pediulle ao presidente ruso un alto o fogo "o antes posible"

Rusia rexeita a mediación das Nacións Unidas para crear corredores humanitarios seguros en Ucraína

G24.gal 26/04/2022 20:14

Vladimir Putin está disposto a continuar as negociacións con Ucraína para un alto o fogo e non descarta unha reunión cara a cara co presidente Zelenski. Pero pon como condición que Crimea sexa rusa e que o Donbás sexa declarado independente.

Así llo comunicou ao secretario xeral da ONU, co que se reuniu esta tarde en Moscova. Nacións Unidas ve pouca novidade no seu discurso e poucos avances na xuntanza.

O presidente ruso recibiu o secretario xeral da ONU na mesma sala en que se reuniu co presidente francés ao inicio da guerra e que chama a atención pola distancia á que se sentan os contertulios.

António Guterres pediulle un cesamento do fogo o antes posible en Ucraína. Putin transmitiulle a súa esperanza de que as negociacións dean resultado positivo. 

Previamente, o seu ministro de Exteriores rexeitou a proposta da ONU de mediar entre Moscova e Kíiv para establecer corredores humanitarios seguros, aínda que amosou a disposición do Kremlin a cooperar coas Nacións Unidas e coa Cruz Vermella para, di, aliviar o sufrimento da poboación civil.

Así que de momento non hai solución para os centos de refuxiados nos sotos da fábrica de Azovstal, en Mariupol, que segundo as autoridades ucraínas, recibiu máis de trinta ataques nas últimas 24 horas. As mesmas fontes confirman o falecemento de varios civís na rexión de Luhansk, no Donbás, nos máis de vinte ataques con mísiles do exército ruso.

O Goberno de Moldova denunciou un asalto ao seu territorio, na rexión prorrusa de Transnistria, do que Rusia e Ucraína se acusan mutuamente. A presidenta do país convocou o seu Consello de Seguridade Nacional ante o que considera un ataque altamente desestabilizador máis alá das fronteiras de Ucraína.

As palabras do ministro ruso Sergei Lavrov advertindo dun risco real de que se desate unha terceira guerra mundial non mudaron de momento a resposta dos aliados con Ucraína. Alemaña confirmou o próximo envío de tanques antiaéreos, e os Estados Unidos insisten en que continuarán axudando o goberno.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade