Publicador de contidos
Publicador de contidos

Prisión comunicada e sen fianza para o presunto asasino da súa exparella en Ribeira

Prisión comunicada e sen fianza para o presunto asasino da súa exparella en Ribeira

O xulgado prohíbelle comunicarse co seu fillo e dálle á avoa materna a custodia temporal do menor

A xuíza considérao autor dun delito de homicidio con agravante de xénero e de parentesco

O presunto asasino da súa exparella en Palmeira, logo de prestar declaración xudicial
G24.gal 02/04/2024 12:24 Última actualización 02/04/2024 14:57

O Xulgado de Instrución número 3 de Ribeira, especializado en violencia sobre a muller, decretou o ingreso en prisión, comunicada e sen fianza, por un delito de homicidio para o home que presuntamente asasinou a súa exparella hai dúas semanas.

O home foi dado de alta hospitalaria despois de pasar dúas semanas ingresado no Complexo Hospitalario de Santiago, logo de que supostamente tentase suicidarse tras matar á súa exparella e nai do seu fillo.

O home pasou a disposición xudicial na mañá deste martes. De feito, inicialmente estaba previsto que o acusado recibise a alta e pasase a disposición xudicial o pasado 26 de marzo. Con todo, o equipo médico considerou que aínda non se atopaba en condicións.

A xuíza considérao autor dun delito de homicidio con agravante de xénero e de parentesco. Ademais do seu ingreso en prisión, a maxistrada ratificou as medidas adoptadas no auto emitido o 20 de marzo, con atribución cautelar á avoa materna da patria potestade do fillo en común, suspendendo as visitas e comunicación con el.

O crime tivo lugar na tarde do pasado 19 de marzo, cando o detido supostamente acabou coa vida da súa exparella, unha muller de 25 anos, cunha arma branca. Fíxoo no seu domicilio de Palmeira, en Ribeira, en que, nese momento, non se atopaba o fillo pequeno da parella, que estaba cun familiar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade