Publicador de contidos
Publicador de contidos

Preséntase unha recreación virtual do proxecto da planta de Palas de Rei

Preséntase unha recreación virtual do proxecto da planta de Palas de Rei

Greenfiber indicou que o deseño foi realizado "con criterios ambientais moito máis esixentes que o esixido pola normativa europea" e co "máximo respecto e integración coa contorna"

G24.gal 19/04/2024 18:51

Greenfiber, formado pola enerxética Greenalia e a multinacional portuguesa Altri, fixo pública este venres unha recreación virtual do proxecto GAMA, a planta que pretende instalar no municipio lucense de Palas de Rei. 

Unha das principais problemáticas ás que se enfronta o proxecto é a da integración da planta no terreo. Segundo trasladou a compañía nunha nota de prensa, a planta foi deseñada "con criterios ambientais moito máis esixentes que o esixido pola normativa europea", e co "máximo respecto e integración coa contorna".

Nesta liña, subliñou que, para conseguilo, todas as infraestruturas que integran a planta foron expostas para "minimizar ao máximo o impacto, tanto visual, como de cheiros desde o Camiño de Santiago", cuxo punto máis próximo "está a tres quilómetros".

"Aproveitouse a orografía do terreo para situar as instalacións máis voluminosas nas zonas máis baixas e rodear toda a planta dun cinto verde de 61 hectáreas de especies autóctonas que contribuirán á integración da planta na contorna", explicou.

Respecto a biodiversidade, Greenfiber defendeu que se tomaron "todas as medidas necesarias para preservar especies autóctonas e de especial protección, tendo en conta "os estudos e recomendacións de expertos biólogos, científicos e investigadores".

Entre estas medidas, destacou o traslado do punto de devolución de auga tratada a varios quilómetros de distancia, "mantendo así o balance hídrico da masa de auga, ou a reserva de áreas específicas dentro da planta, dedicadas a favorecer o crecemento e preservación de especies singulares".

Por outra banda, expuxo que para tratar de reducir ao máximo as afeccións aos veciños a través de cuxos terreos discorran as canalizacións tanto de auga como de electricidade, "todas elas irán instaladas baixo terra, de modo que as leiras veranse afectadas de forma parcial e puntual durante o período de obras, pero ao termo das mesmas, os propietarios poderán dispoñer delas nas mesmas condicións que tiñan".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar