Publicador de contidos

Publicador de contidos

Prado: "O Goberno é o que ten que presentar o recurso ao veto da pesca de fondo en Bruxelas"

Prado: "O Goberno é o que ten que presentar o recurso ao veto da pesca de fondo en Bruxelas"

A secretaria xeral do PPdeG dixo que "o Partido Popular vai estar aí e o Goberno da Xunta de Galicia xa ten anunciado que pelexará ata onde poida"

Prado manifestou que o Goberno de España despreza Galicia en moitas actuacións 

Paula Prado foi entrevistada no informativo 'Bos días'
G24.gal 23/09/2022 10:01

Remata a achega que fan dende o informativo Bos días da Televisión de Galicia aos grupos parlamentarios galegos, nestes primeiros pasos do actual curso político. Este venres foi a quenda do Partido Popular de Galicia, e acudiu Paula Prado, que é a súa secretaria xeral.

Neste inicio do curso, os representantes do PP mantiveron encontros cos alcalde do partido e falan dun "total incumprimento de Pedro Sánchez con Galicia". Prado di que "o Goberno central despreza constantemente Galicia porque a chegada do AVE non é completa, non hai trens Avril, tamén coa pesca de fondo e cos fondos Next Generation". A secretaria xeral do PPdeG di que os ministros veñen a Galicia non para nada bo, senón para insultar os galegos.

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, cre que se debe abrir unha investigación parlamentaria para saber por que o Goberno galego dedicou eses 159 millóns a outros fins que non foron os da sanidade, e Prado destacou que "é unha mentira máis do PSdeG  e un intento de desprestixiar a magnífica xestión que fixo o Goberno galego nun momento da pandemia". Afirmou que Galicia non só gastou os 511 millóns de euros que lle trasladou o Goberno central, senón que gastou 100 millóns máis.

"O gasto efectivo se fixo e se fixo con moitos máis cartos dos que mandou o Goberno de España por tanto ven unha manipulación máis do PSOE para intentar desprestixiar a magnífica xestión que fixo o goberno galego coa pandemia da covid", destacou Prado.

Pesca de fondo

En canto aos asuntos de actualidade, Paula Prado referiuse ao veto á pesca de fondo e cre que "o Goberno do Estado é o que ten que presentar o recurso e agardamos que o fagan". A secretaria xeral do PPdeG manifestou que Formoso foi a Bruxelas e que tras a reunión co Comisario de Pesca ao día seguinte foi cando se impuxo o veto.

"Un prexuízo para máis de 200 barcos en Galicia que non poden pescar en 87 zonas sen ningún criterio científico ou informe que avale esa decisión", destacou Prado, e dixo que "o Partido Popular vai estar aí e o Goberno da Xunta de Galicia xa ten anunciado que pelexará ata onde poida".

Paula Prado pediulle ao Goberno que poñan a todos os gabinetes xurídicos a traballar nese recurso porque "se o Goberno quere, pode". Destacou que se aos asesores da Xunta lles dá tempo a preparar un recurso, a eles tamén.

Xestión do litoral

En Galicia hai máis dun cento de empresas da cadea mar-industria afectadas pola nova norma que queren seguir coa súa actividade e segundo Prado "este é un novo agravio máis porque Galicia ten competencias na xestión do litoral". Cre que coa lei que prepara a Xunta para esa xestión vai ser un dos logros máis importantes da lexislatura de Rueda.

"Despois de tanto tempo reclamándollo ao Goberno do Estado e vendo que hai un desprezo absoluto a Galicia, non nos queda máis remedio que facelo", subliñou Prado. 

Xunto ás empresas da cadea mar-industria tamén está en xogo o futuro doutros inmobles de valor patrimonial, con usos educativos e sanitarios. Son un total de 4.000 edificacións. 

"Andalucía e Cataluña teñen a mesmo regulación e con eles non hai problema, pero con Galicia todo son trabas", destacou a secretaria xeral do PPdeG.

Sobre a eliminación dalgúns impostos por parte dalgunhas comunidades autónomas, Prado afirmou que o "Partido Popular sempre que pode baixa impostos e leva dende o 2009 facéndoo". Neste sentido, referiuse ao PSOE e dixo que a esquerda sube impostos e cre que o imposto ás grandes fortunas "é pura demagoxia".

"Parece ser que o PSOE deixou de ser autonomista e constitucionalista. Un partido que se debe aos seus socios de goberno, que son os que lle meten presión para estar constantemente facendo política para manter a Pedro Sánchez como presidente do Goberno", sentenciou Prado.

Orzamentos

A semana que ven, o presidente da Xunta comparece no Parlamento de Galicia onde explicará as liñas dos orzamentos de 2023 onde o eixo principal está nos beneficios fiscais para os que menos teñen. Paula Prado afirmou que o a Xunta está do lado dos que menos teñen e que así o reflectirán esas partidas destinadas a axuda social. Destacou que as axudas sociais veranse incrementadas máis nun 10 %.

Ano electoral

Para rematar a entrevista tratouse o tema das eleccións municipais onde Prado dixo que "é un exame da cidadanía para todos, onde co seu voto se se ve se apoian a xestión realizada polos gobernos". A Secretaria xeral do PPdeG destacou que se presentan como alternativa naquelas cidades onde os gobernos municipais as teñen paralizadas. "O obxectivo para nos son eses 313 concellos e agardamos tinguir de azul Galicia a noite do 28 de maio", sentenciou Prado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar