Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ana Pontón defende a intervención de Alcoa para "salvagardar o emprego"

Ana Pontón defende a intervención de Alcoa para "salvagardar o emprego"

A candidata nacionalista considera "fundamental que o 18 de febreiro haxa unha mobilización masiva"

Ana Pontón na praza de abastos de Lugo este sábado. EFE/Chema Moya
G24.gal 27/01/2024 14:19 Última actualización 27/01/2024 16:03

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu que, se é presidenta da Xunta, impulsará a intervención de Alcoa, participada polo Goberno galego e o Executivo estatal, para "garantir o emprego e a actividade económica".  

"Onte (venres) o Goberno central e a Xunta pedían seriedade a Alcoa, pero quen ten que ter seriedade é o PP e o PSOE con Lugo. Levamos demasiado tempo perdido. Cada día que pasa é un día que gaña Alcoa e que perden os traballadores", lamentou.

En declaracións aos medios na capital lucense, Pontón lembrou que o BNG dixo "desde o primeiro momento" que a folla de ruta de Alcoa era "pechar a factoría". Por iso, reiterou que a solución é "evidente": unha intervención pública.

Comprometeuse a levar a cabo esta intervención nunha factoría que, engadiu, Galicia non se pode permitir "o luxo de perder", xa que sería "un golpe moi forte non só para A Mariña, senón tamén para toda Galicia".

Nesta liña, a líder nacionalista afirmou que o actual marco legal permite apostar por unha intervención pública, para "poder salvagardar o emprego e a actividade de Alcoa". Segundo explicou, esta fórmula "xa se ensaiou noutras partes do mundo".

"Italia salvou algunha empresa e España acaba de tomar unha decisión, a intervención de Telefónica; pois Alcoa é estratéxica para a provincia de Lugo e é fundamental que deixemos de marear a perdiz como fan a Xunta e o Goberno central e que se poñan por diante os intereses dos traballadores e de Galicia, que non coinciden cos da multinacional", resolveu.

"Mobilización masiva"

Por outra banda, Pontón volveu a sinalar como "fundamental" que haxa unha mobilización "masiva" o vindeiro 18 de febreiro para lograr o cambio de Goberno en Galicia.  

"Son máis que unhas eleccións ao uso, son as máis abertas dos últimos 15 anos. Estamos a xogarnos a Galicia das próximas décadas. É fundamental que o 18 de febreiro haxa unha mobilización masiva de todas as persoas que cren que este país necesita un cambio", reivindicou.  

Un cambio que, asegurou, debe ser liderado polo BNG para "poder reverter as tendencias negativas destes últimos anos".

"Onda de ilusión"

Sobre Lugo, a candidata do BNG manifestou que é "evidente" que o PP "non soubo desenvolver Lugo nin darlle un futuro mellor á xente de aquí". Neste contexto, celebrou a "onda de ilusión" que asegura hai arredor do BNG.

"Moitas persoas que nunca colleron a papeleta do Bloque vano facer e vano facer coa ilusión de que hai un proxecto para mellorar as súas vidas".

Neste sentido, fixo un chamamento a "apostar por algo distinto" se se queren "resultados diferentes". Así mesmo, lembrou que Galicia tivo "seis presidentes homes, todos de forzas estatais", polo que agora é "o momento" de ter unha presidenta.

"Coas mans libres para defender os intereses das galegas e para defendelos ante multinacionais que o único que buscan son beneficios e despois non lles importa que pasa coa xente", asegurou.   

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade