Pontevedra prende hoxe o Nadal
É a última capital española en iluminar as rúas polas festas
Coa iluminación, ás seis da tarde na praza do Concello, comeza a programación especial do Nadal
Todo listo en Pontevedra para que esta tarde a cidade prenda o Nadal. Arcos, bólas e árbores que collerán vida dúas semanas máis tarde ca no resto das capitais do país.
"Chegan a tempo, non entendo o motivo de acendelas un mes antes, está moi ben".
"Xa están nas outras cidades, Pontevedra sendo capital de provincia, debería iluminarse antes".
"Chegan algo tarde, pero non o critico porque o Concello está tendo en conta o gasto enerxético", eran as opinión dalgúns veciños este venres na cidade.
Ese argumento, o da racionalidade no consumo enerxético, foi o que deu o Concello para tomar a decisión, que levantou polémica, sobre todo entre algúns comerciantes.
"A xente merca os agasallos con espírito de Nadal, hai moita xente de Pontevedra que saíu mercar os agasallos a Santiago, Coruña, Vigo, Ourense...", di Nanda Castro, nunha tenda de cosmética.
"A iluminación non só nos beneficia aos comerciantes, axuda toda a cidade porque a xente vén e pasa o día aquí", engade Carlota Magariños, desde un establecemento de moda.
Co acendido das luces, ás seis da tarde na praza do Concello, arrinca tamén a programación especial das festas, que presta especial atención aos pequenos con obradoiros, inchables, xogos e unha aldea de Nadal na alameda.