Podemos Galicia aposta por unha candidatura conxunta con Sumar
A formación morada celebrou este sábado en Santiago o Consello Cidadán Galego
O coordinador cualificou de "malos, sen paliativos" os resultados das eleccións
Podemos Galicia celebrou este sábado en Compostela o Consello Cidadán Galego. Esta reunión tivo como obxectivo facer balance dos resultados que acadaron nos comicios municipais e poñer a andar a maquinaria da organización para a vindeira cita coas urnas nas eleccións xerais.
O coordinador de Podemos Galicia cualificou como "malos, sen paliativos" os resultados do domingo pasado. Borja San Ramón tamén fixo unha valoración sobre a posible confluencia de Podemos con Sumar con vistas ao 23 de xullo.
"O balance do 28 de maio para a nosa organización a nivel de todo o Estado é obxectivamente malo sen paliativos. Teremos que facer un proceso de reflexión e de traballo conxunto para saber os motivos destes malos resultados e a partir de aí traballar", dixo o coordinador de Podemos Galicia.
"Eu falei esta semana coa miña secretaria xeral, Ione Belarra, e creo que a posición de Podemos Galicia sempre foi evidente con respecto ao que ten que ver con candidaturas conxuntas, candidaturas amplas, candidaturas que sexan capaces de chegar ao máximo espectro da sociedade posible", engadiu.