O Congreso pídelle ao Goberno subir o gasto en defensa co rexeitamento de Podemos
España comprométese a investir o 2 % do PIB en Defensa de aquí a 2029
Unidas Podemos rexeita apoiar a medida e o PP pide unha posición común do Goberno
Sánchez vaille propoñer ás Cortes chegar ao 2 % do PIB en defensa en 2029
España dáse sete anos de prazo para asumir o compromiso coa OTAN e aumentar o gasto militar ata os 20.000 millóns de euros. O presidente do Goberno quere facelo co amparo das Cortes, e chama a un pacto de Estado.
Pedro Sánchez, presidente do Goberno, di: "Espero que poidamos chegar a un acordo de país, que traspase as cuestións ideolóxicas. Espero que a guerra en Ucraína faga reflexionar algunhas forzas políticas que, ao mellor, antes da invasión tiñan unha opinión diferente da OTAN".
Unidas Podemos négalle o apoio e prevé unha difícil negociación orzamentaria.
"Se se destinan máis cartos ao investimento militar, de onde sae ese diñeiro? Nós pensamos que España precisa moito máis unha renda garantida que máis investimento en tanques ou en armas", di Ione Belarra, ministra de Dereitos Sociais.
O Partido Popular reclama unha posición conxunta do Goberno.
Así o reclama Alberto Núñez Feijóo, presidente do PP: "O PP sempre estará nas políticas de Estado que se baseen na coherencia e na lealdade. Para iso o primeiro que ten que ser coherente é o Goberno, e presentar unha proposta conxunta que poidamos debater e votar".
España destina agora mesmo un 1 por cento do PIB a Defensa. Ocupa o penúltimo posto dentro da OTAN só por diante de Luxemburgo, cuxo exército ten menos de mil soldados.