Pasa á disposición xudicial o anestesista acusado por un homicidio imprudente en Alzira
Investígano pola morte dunha nena de seis anos á que lle fixo unha sedación nunha clínica dental
Acúsano ademais dun presunto delito de furto por subtraer os fármacos dun hospital
A responsable da clínica tamén está detida e pendente de pasar á disposición xudicial
A media mañá deste xoves a Policía trasladaba ao xulgado o médico anestesista que realizaba as sedacións na clínica dental de Alzira, a raíz das que unha nena morreu e outra estivo varios días hospitalizada.
Á chegada do coche policial, formouse un certo rebumbio porque un grupo de familiares e achegados do detido tentaban evitar con teas e paraugas que a súa imaxe fose captada polas cámaras. En vista da situación, o coche policial acabou recuando e metendo o médico no xulgado por unha porta traseira.
Tanto o anestesista como a responsable da clínica dental foran detidos o mércores acusados de presuntos delitos contra a saúde pública e de omisión do deber de socorro. A maiores, os informes da policía e da inspección sanitaria, fan recaer sobre o anestesista as acusacións de homicidio por imprudencia grave e lesións. Agora sábese tamén que se lle atribúe un posible delito de furto, pola suposta subtracción dos anestésicos dun centro hospitalario. A rastrexabilidade dos fármacos foi un foco central da investigación, segundo recoñecía a responsable da clínica hai dúas semanas, cando transcenderon as primeiras noticias do caso.
Á parte do estado ou a orixe dos fármacos, o problema é tamén que foron empregados por vía intravenosa para unha sedación total, cando a clínica só está autorizada para facer anestesias locais. A responsable da clínica segue detida en dependencias policiais, pendente tamén de pasar a disposición xudicial no mesmo xulgado de Alzira.