Os sobreviventes da traxedia de Armero aínda agardan que se aclaren as adopcións irregulares
Fai 40 anos da avalancha de lama que arrasou a poboación colombiana
Morreron 25.000 persoas, o 70 % dos habitantes de Armero
O rescate imposible de Omayra Sánchez converteuse no símbolo global da catástrofe
En 1985 a actividade do volcán Nevado del Ruiz estaba derretendo axiña a neve acumulada no cráter e alterando o caudal dos ríos da zona. Nun deles xerouse unha balsa de auga, lama e rochas que tiña en tensión a cidade de Armero. As autoridades consideraban que o risco non xustificaba unha evacuación preventiva da poboación, pero a noite 13 de novembro probouse o contrario.
Foi cando comenzou a terra a 'bujar' e tremía e vin unha nube negra grandísima. Aí foi cando todos caemos ao chan, foi un horror, lembra María Gladys Primo, veciña de Armero e nai de dous desaparecidos
A avalancha de lama arrasou a cidade e soterrou, de súpeto, 25.000 persoas, o 70 % da poboación de Armero. Rescatar os sobreviventes foi todo un reto, ás veces imposible.
Evidenciouno ata o límite o caso de Omayra Sánchez. A nena de 12 anos quedara atrapada polas pernas entre os cascallos da súa casa. Aguantou durante 60 horas, cunha enteireza que conmoveu o mundo e converteuse no símbolo da traxedia.
Corenta anos despois, Armero é unha cidade fantasma, pero os sobreviventes seguen demandando xustiza. Non só para os que morreron na riada, senón para os supostos desaparecidos.
Desde a Fundación Armando Armero levan anos demandando que se aclaren os procesos de adopción irregular, dentro e fóra de Colombia, ós que foron destinados moitos dos nenos rescatados.
"Por exemplo en Holanda hai grupos de adoptados grandísimos, tamén en Suecia, Dinamarca ou os EUA, asegura Francisco González, promotor da Fundación Armando Armero.
"Calquera neno que fora adoptado [en Colombia] a finais de 1985 ou 1986 é posible que sexa de Armero"
"O meu corazón dime que están vivos, tanto o neno coma a nena e que algún día nos imos atopar", recalca María Gladys
Omayra Sánchez non puido ser rescatada e converteuse na imaxe global da traxedia