Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os progresistas gañarían as eleccións nos Países Baixos e desprazarían o ultra Wilders

Os progresistas gañarían as eleccións nos Países Baixos e desprazarían o ultra Wilders

O liberal progresista D66 lograría 27 escanos e situaríase como primeira forza, segundo a sondaxe a pé de urna

Wilders perdería 12 deputados e o liderado parlamentario que lle permitía negociar o goberno

Os primeiros resultados oficiais coñeceranse ao longo da noite

REUTERS/Yves Herman REUTERS/Yves Herman
G24.gal 29/10/2025 22:15

O partido liberal progresista D66 gañaría as eleccións xerais celebradas este mércores nos Países Baixos, impulsado pola boa imaxe do seu líder, Rob Jetten, segundo a sondaxe a pé de urna publicado ao peche dos colexios electorais pola consultora Ipsos I&O, cunha marxe de erro dun escano por partido.

D66 obtería 27 dos 150 escanos do Parlamento neerlandés, 18 máis dos que tiña ata agora, seguido de preto pola dereita radical de Geert Wilders (PVV), que pasaría de ser a forza máis numerosa da Cámara a quedar con 25 deputados e situarse en segundo lugar.

Wilders sería un dos grandes perdedores destes comicios ao perder 12 escanos e o liderado parlamentario que lle daba prioridade para negociar o futuro goberno.

Retroceso da dereita radical e impulso liberal

O partido liberal VVD, encabezado por Dilan Yeşilgöz —sucesor do ex primeiro ministro Mark Rutte—, obtería 23 escanos, un menos ca agora. Pola súa parte, o bloque ecoloxista e socialdemócrata GroenLinks-PvdA, liderado por Frans Timmermans, conseguiría 20, perdendo cinco representantes.

O partido democristián CDA emerxería como outro dos grandes gañadores ao sumar 19 escanos, 14 máis dos que tiña. O euroescéptico JA21 pasaría de un a nove deputados, mentres que a extrema dereita de Foro para a Democracia (FVD) crecería de tres a seis.

O movemento campesiño BBB reduciríase de sete a catro escanos e o Partido Socialista (SP) baixaría de cinco a tres.

Desaparición do NSC e necesidade de coalición

O partido centrista NSC, que nas anteriores eleccións lograra vinte escanos, desaparecería completamente do Parlamento, segundo esta primeira proxección. O electorado castigaríalle por unirse á dereita radical na coalición de goberno que Wilders derrubou o pasado xuño, o que obrigou a convocar eleccións anticipadas.

Como é habitual, ningún partido alcanzaría a maioría suficiente para gobernar en solitario. Segundo estes resultados, sería necesaria unha coalición de polo menos catro ou cinco formacións para acadar os 76 escanos que marcan a maioría absoluta.

Sondaxes e recollida de votos

A enquisa, elaborada por Ipsos I&O en 65 colexios electorais con participación de arredor de 80.000 votantes, ofrece unha estimación provisional da repartición de escanos. Está prevista unha segunda actualización ás 21.30 hora local (20.30 GMT), cando se inclúan os últimos votos emitidos antes do peche das urnas.

Os primeiros resultados oficiais coñeceranse ao longo da noite. Este ano, dous terzos dos municipios neerlandeses aplican o sistema de reconto rápido, que consiste en contabilizar primeiro só os votos por partido para publicar os resultados con maior axilidade. Anteriormente, as mesas electorais debían contar na mesma noite tanto os votos por partido como os preferenciais por candidato.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade