Os nacementos aumentaron un 1,6 % en Galicia en 2025, ata chegar a 13.567
As defuncións aumentaron un 2,2 %, ata as 33.461, polo que o saldo vexetativo foi negativo en 19.894 persoas, segundo os datos difundidos este mércores polo Instituto Nacional de Estatística
Estes datos supoñen un cambio de tendencia para a comunidade galega, que desde 2016 encadeaba caídas no número de bebés nados, un descenso que chegou a ser do 7,48 % en 2018
Os nacementos creceron un 1,6 % en 2025 en Galicia ata os 13.567, mentres que as defuncións aumentaron un 2,2 % ata as 33.461, polo que o saldo vexetativo foi negativo en 19.894 persoas, segundo os datos difundidos este mércores polo Instituto Nacional de Estatística.
Estes datos supoñen un cambio de tendencia para a comunidade galega, que desde 2016 encadeaba caídas no número de bebés nados, un descenso que chegou a ser do 7,48 % en 2018.
Pontevedra foi a única provincia galega onde os nacementos diminuíron o pasado ano respecto a 2024, cunha caída dun 0,6 %, mentres que Ourense foi a que experimentou un maior crecemento, cun 5,22 %. Na Coruña os nacementos creceron un 2,35 % en comparación co ano anterior e en Lugo fixérono un 1,06 %.
Dos 13.567 nacementos rexistrados en Galicia en 2025, 6.686 foron mulleres e 6.881 homes.
Por idade das nais, a maior cantidade de nacementos producíronse entre os 35 e 39 anos, con 4.513, seguida da franxa entre os 30 e 34 anos, con 4.149.
Un total de 1.713 nacementos en Galicia foron de nais entre os 40 e os 44 anos, 230 de nais entre os 45 e os 49 anos, e un só nacemento foi dunha proxenitora de máis de 50 anos.
Entre nais de 25 e 29 anos houbo 1.991 nacementos, entre as de 20 a 24 anos contabilizáronse 813, mentres que en mulleres de 15 a 19 anos rexistráronse 138 e entre as menores de 15 houbo só dous.
No conxunto de España, o número de nacementos en 2025 creceu tamén por primeira vez nunha década aínda que apenas un 1 %, houbo 321.164, e van acompañados dun atraso da idade de maternidade; mentres que as defuncións aumentaron o 2,5 %, polo que o crecemento vexetativo (diferenza entre nacementos e defuncións) segue en negativo.
Os maiores incrementos no número de nacementos rexistráronse na Comunidade de Madrid (3,3 %) e País Vasco (3 %); os maiores descensos nas cidades autónomas de Melilla (10,1 %) e Ceuta (6,6 %), e Baleares (2,6 %).
En canto ás defuncións, os maiores aumentos respecto a 2024 déronse nas cidades autónomas de Ceuta (16,5 %) e Melilla (15,2 %), e Canarias (5,9 %). O maior descenso rexistrouse na Rioxa (3,7 %).
O crecemento vexetativo foi negativo en 2025 en todas as comunidades, excepto na Comunidad de Madrid (que tivo un saldo positivo de 2.134 persoas), Rexión de Murcia (509) e as cidades autónomas de Melilla (215) e Ceuta (32).
Pola contra, os saldos vexetativos máis negativos rexistráronse en Galicia (19.894), Castela e León (16.318) e Andalucía (15.509).