Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os hutís impoñen o bloqueo aéreo de Israel ante a expansión da súa ofensiva sobre Gaza

Os hutís impoñen o bloqueo aéreo de Israel ante a expansión da súa ofensiva sobre Gaza

Os rebeldes hutís pídenlles ás aeroliñas internacionais que anulen os seus voos a ese destino para preservar a seguridade dos seus avións e dos seus clientes

A expansión das operacións en Gaza forza o desprazamento da poboación cara ao sur, onde o exército xa ocupou boa parte do terreo tras apoderarse da cidade de Rafah

Operacións militares de Israel en Rafah (Reuters) Operacións militares de Israel en Rafah (Reuters)
G24.gal 05/05/2025 09:08

Os rebeldes hutís do Iemen anunciaron este luns que impoñerán un bloque aéreo global sobre Israel mediante ataques contra os seus aeroportos en resposta á decisión do goberno de Benjamin Netanyahu de ampliar as operacións hostís no territorio palestino da Franxa de Gaza. Os rebeldes pídenlles ás aeroliñas internacionais que anulen os seus voos a ese destino para preservar a seguridade dos seus avións e dos seus clientes.

"Avisamos a todas as compañías aéreas internacionais que teñan en conta o que se di neste comunicado desde a hora da súa publicación para que anulen todos os seus voos aos aeroportos do inimigo criminal e preservar a seguridade dos seus avións e dos seus clientes", sinalaron os hutís.

Reuters Reuters

O portavoz militar do grupo, Yahya Sarea, indicou que os rebeldes iemenís nunca temerán o enfrontamento e nunca aceptarán a submisión e proseguirán cos seus lanzamentos de mísiles contra territorio israelí tras o último movemento de Israel.

Israel aproba expandir as súas operacións en Gaza e un esquema para a entrada de axuda

O Gabinete de Seguridade de Israel aprobou esta noite expandir as súas operacións en Gaza e deulle luz verde ao seu plan para organizar o acceso de axuda humanitaria á franxa, bloqueada totalmente desde o pasado 2 de marzo.

A estratexia está enfocada a aumentar gradualmente a presión militar contra o enclave, que desde outubro de 2023 acabou xa coa vida de máis de 52.200 persoas, e a facer presión a Hamás para que acepte un cesamento do fogo.

A expansión das operacións en Gaza forza o desprazamento da súa poboación cara ao sur, onde o exército xa ocupou boa parte do terreo ao apoderarse da cidade de Rafah.

Ademais, a "zona humanitaria" de Mawasi (sur), que o exército cualificaba como segura para os desprazados, deixou de ser considerada tal por Israel o pasado 18 de marzo.

"Estamos a pasar do método de incursións ao de ocupar territorios e permanecer neles", dixo o primeiro ministro Benjamin Netanyahu.

O bloqueo divide o goberno israelí

O gabinete aprobou a medida por unanimidade, aínda que durante a reunión xurdiron discrepancias respecto ao enfoque sobre as operacións en Gaza e sobre a oposición dalgúns ministros a permitir que alimentos, medicinas e outros bens de primeira necesidade volvan entrar ao territorio palestino tras un bloqueo de máis de dous meses.

O ministro Seguridade Nacional, o ultranacionalista Itamar Ben Gvir, dixo durante o encontro que non hai necesidade de introducir axuda (en Gaza) e que os almacéns de comida de Hamas deberían ser bombardeados, e desatou o que a prensa local cualifica como unha acalorada discusión co xefe do Estado Maior do Exército Eyal Zamir.

"Non entendes o que estás a dicir. Posnos en perigo a todos. Existe o dereito internacional e estamos comprometidos con el. Non podemos facer morrer de fame a Franxa, as túas afirmacións son perigosas", replicoulle o xefe do exército, segundo a Cadea 12 da televisión israelí.

Segundo as autoridades gazatís, polo menos 54 persoas morreron por malnutrición e desnutrición (a inmensa maioría, nenos) desde que Israel lanzou a súa ofensiva sobre Gaza.

Este é o bloqueo máis longo que Israel mantivo sobre o enclave desde o inicio da ofensiva; antes do cesamento do fogo, limitaba notablemente a entrada de axuda: a axencia da ONU para os refuxiados palestinos (UNRWA) chegou a rexistrar o acceso duns 92 camións diarios en Gaza en novembro de 2024, cando antes da guerra roldaban os 500, xa considerados insuficientes entón.

"O gabinete decidiu onte á noite expandir a operación militar dentro de Gaza, non para manter a seguridade de Israel, senón para salvar a Netanyahu e o seu Goberno extremista", denunciou na rede social X o líder da formación progresista Os Demócratas, Yair Golan.

"Xa non é unha operación temporal, senón un movemento que prepara para a presenza permanente na área, parte de facer as fantasías de Ben Gvir e Smotrich (o titular de Finanzas) realidade", engadiu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade