Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os EUA xestionarán o pagamento de servizos públicos en Venezuela cos cartos do petróleo

Os EUA xestionarán o pagamento de servizos públicos en Venezuela cos cartos do petróleo

Marco Rubio adiantou que "moi pronto" se restablecerá a presenza diplomática de Washington en Caracas

O secretario de Estado compareceu no Comité de Relacións Exteriores do Senado. Reuters O secretario de Estado compareceu no Comité de Relacións Exteriores do Senado. Reuters
G24.gal 28/01/2026 20:47

O secretario dos Estado dos Estados Unidos asegurou que Washington xestionará a través do diñeiro da venda do petróleo venezolano o financiamento dalgúns dos servizos clave aos que non pode facer fronte o Goberno de Venezuela, tales como a Policía ou a recollida de lixos.

"Parte do recadado destinarase a financiar unha auditoría para garantir que así se gaste o diñeiro", adiantou Rubio na súa primeira audiencia pública tras a operación militar en Caracas que se saldou co arresto do presidente venezolano, Nicolás Maduro, e a súa esposa, a primeira dama Cilia Flores.

"Este é un mecanismo de curto prazo no que se poden satisfacer as necesidades do pobo venezolano a través dun proceso que creamos onde presentarán cada mes un orzamento do que se necesita financiar", explicou Rubio, quen agradeceu a "cooperación" das autoridades venezolanas.

Rubio deixou de lado as súas ameazas previas sobre unha posible nova intervención militar se Caracas non accedía ás pretensións de Washington e destacou que grazas ás "honestas, respectuosas, pero moi directas" conversacións co actual Goberno evitáronse danos maiores.

Doutra banda, tamén adiantou que "moi pronto" se restablecerá a presenza diplomática dos Estados Unidos en Venezuela, unha vez varias fontes desde Washington revelaron xa que a Axencia Central de Intelixencia (CIA) traballa xa sobre o terreo para fixar uns primeiros contactos.

A encargada en representar os intereses de Washington sobre o terreo será Laura Dogu, antiga embaixadora en Honduras e Nicaragua, a quen a Administración Trump nomeou agora xefa da súa misión diplomática en Venezuela, cargo que exercerá desde Bogotá antes de asentarse definitivamente en Caracas.

"Cremos que moi pronto poderemos abrir unha presenza diplomática estadounidense no terreo, o que nos permitirá ter información en tempo real e interactuar", sinalou Rubio.

O secretario de Estado explicou ademais que xa hai un equipo enviado por Washington para avaliar en que estado están as instalacións, que permanecen pechadas desde 2019, ano no que se suspenderon as relacións diplomáticas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade